Portomarín recibe máis de 300.000 euros desde 2020 para mellorar camiños rurais co Plan Camiña Rural

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou o concello de Portomarín para supervisar as últimas actuacións realizadas ao abeiro do Plan Camiña Rural. Durante a visita destacou que, desde o ano 2020, este municipio recibiu máis de 300.000 euros destinados á mellora das súas vías de comunicación no medio rural.
No marco da convocatoria correspondente ao período 2025-2026 deste programa, o Goberno galego apoiou ao Concello de Portomarín para levar a cabo a mellora de infraestruturas rurais nas zonas do Mazo e Moreiras. Estas actuacións contaron cun investimento superior aos 58.000 euros.
María José Gómez puxo en valor o traballo que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través desta liña de axudas, cuxo obxectivo é apoiar aos concellos galegos na mellora de camiños de titularidade municipal. A conselleira sinalou que estas infraestruturas resultan “claves” para a dinamización social e económica do medio rural, xa que contribúen a vertebrar o territorio e mellorar as conexións entre núcleos de poboación.
Neste contexto, lembrou que xa está publicada a convocatoria correspondente ao período 2026-2027, que conta cunha dotación global próxima aos 19 millóns de euros. Este programa beneficia a todos os concellos galegos e permite subvencionar actuacións destinadas á ampliación ou mellora de camiños que forman parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación.
Desde o ano 2016 e tendo en conta tamén a convocatoria 2025-2026, a Consellería do Medio Rural actuou en case 6.700 camiños de toda Galicia, que suman unha lonxitude aproximada de 5.200 quilómetros. Para estas intervencións destináronse axudas que alcanzan preto de 156 millóns de euros.
A conselleira reafirmou así a aposta do Goberno autonómico pola colaboración institucional para avanzar na mellora das infraestruturas rurais. Segundo indicou, este tipo de actuacións repercuten de maneira moi positiva na mobilidade da veciñanza destas contornas e facilitan, ao mesmo tempo, o transporte dos produtos agroalimentarios que se producen na zona.