Portos licitará o servizo de vixilancia e control de accesos dos seus peiraos comerciais
O Consello da Xunta autorizou o inicio do expediente de licitación do servizo de vixilancia e control de accesos aos peiraos comerciais de titularidade autonómica co obxectivo de dar cumprimento ás directrices do código internacional de Protección de Buques e Instalacións Portuarias (PBIP). Portos de Galicia sacará a concurso esta contratación por importe de 4,1 millóns de euros.
Este protocolo é de aplicación nos peiraos de carácter comercial que reciben buques internacionais e que no caso dos de titularidade autonómica son oito, en concreto, Ribadeo, Burela, Celeiro, Cariño, Laxe, Brens-Cee, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Nestes peiraos xa se veñen desenvolvendo medidas específicas do código e con esta actuación que aproba o Consello da Xunta refórzase e promóvese, atendendo ao código internacional, unha maior seguridade das persoas e das mercadorías durante as tarefas de carga e descarga de buques procedentes doutros países.
O obxecto do contrato é a prestación do servizo de vixilancia integral e control de accesos nas instalacións portuarias que, dependentes de Portos de Galicia, están suxeitas á aplicación do código internacional de seguridade xurdido a raíz dos atentados do 11 de setembro do 2001 en Estados Unidos.
A contratación deste servizo incluirá persoal de seguridade que realizará a vixilancia e identificación de persoas e vehículos que entren ao recinto durante as tarefas de carga e descarga dos barcos atracados nos peiraos comerciais. Ademais, instalaranse os elementos, equipamentos e sistemas de seguridade necesarios para o control, entre outros, o sistema de videovixilancia para a observación remota e permanente, gravación e almacenamento de imaxes.
Así mesmo implantarase unha plataforma de soporte da dixitalización dos procesos de xestión da seguridade que integrará o sistema de videovixilancia e o control de accesos e permitirá xestionar de forma automática os permisos segundo a lista de tripulantes dos buques. Finalmente o servizo comprende tamén o mantemento dos equipamentos e sistemas e a verificación de alarmas. A licitación, unha vez autorizada polo Consello da Xunta, publicarase no perfil do contratante de Portos de Galicia.