Preparan unha programación especial polo Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+ en Lugo

LugoXa
O Concello impulsará actividades culturais, de lecer e unha mesa redonda centrada na mocidade trans para promover a diversidade e a inclusión
Orgullo LGTBI
24 Jun 2026

O Concello de Lugo desenvolverá nos próximos días unha programación especial con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, que cada 28 de xuño reivindica a igualdade, a diversidade e o respecto aos dereitos das persoas do colectivo.

Entre as iniciativas previstas destaca unha mesa redonda organizada en colaboración coa asociación Arelas, entidade galega integrada por familias de menores e mocidade trans.

O encontro levará por título “Romper o illamento: espazos seguros e redes para a mocidade trans” e celebrarase o martes 30 de xuño no Vello Cárcere. A actividade estará moderada por Cristina Palacios Castro, xerente e traballadora social da entidade, e contará coa participación de persoas expertas e tamén de participantes con experiencia directa nesta realidade. Durante a sesión compartirán reflexións e vivencias arredor dos desafíos aos que se enfronta a mocidade trans e da relevancia de contar con espazos seguros e redes de apoio.

A programación incluirá tamén propostas culturais e de lecer abertas á participación cidadá baixo o lema “Lugo Diverso: unha festa para todas as cores”, unha iniciativa que busca impulsar unha sociedade máis inclusiva, aberta e respectuosa coa diversidade.

As actividades comezarán o venres 26 de xuño ás 19.00 horas cun concerto de música en directo no templete da Praza Maior.

O sábado 27 de xuño a programación continuará ás 22.30 horas coa celebración de Lugo Diverso: unha festa para todas as cores, na Praza Bispo Basulto. O evento contará cunha sesión de DJ ata a 1.30 horas e tamén cunha actividade de facepainting.

Finalmente, o martes 30 de xuño ás 19.30 horas terá lugar no Vello Cárcere a mesa redonda “Romper o illamento: espazos seguros e redes para a mocidade trans”, organizada pola asociación Arelas.

0.12421798706055