Presentada a 5ª Carreira e Andaina Solidaria ‘Camiñando polo Dano Cerebral’ de Lugo

Presentouse en Lugo a 5ª edición da Carreira e Andaina Solidaria Camiñando polo Dano Cerebral, unha cita deportiva e social que terá lugar o domingo 10 de maio e que volverá ter como escenario principal a muralla romana da cidade, nun percorrido que busca combinar deporte, inclusión e sensibilización social.
Durante a presentación, o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández, destacou que a federación ten entre os seus obxectivos apoiar ás asociacións que a integran, así como celebrar os seus logros. Neste sentido, subliñou que a proba conmemora tamén os 20 anos de traxectoria da asociación Dano Cerebral Lugo, converténdose nunha oportunidade para visibilizar o seu labor.
Fernández explicou ademais que a carreira e andaina teñen un dobre propósito. Por unha banda, promover hábitos de vida saudables, entre eles a práctica deportiva, como ferramenta de prevención do dano cerebral adquirido, especialmente do ictus, que é a súa principal causa. Neste contexto, apuntou que arredor do 90 % dos casos de ictus poderían evitarse mediante unha dieta equilibrada, a ausencia de sedentarismo, tóxicos e estrés, así como o mantemento dos controis médicos necesarios.
Por outra banda, a actividade busca sensibilizar á sociedade sobre a realidade das persoas con dano cerebral adquirido e ofrecer unha proposta de lecer inclusivo, aberta á participación de calquera persoa con independencia das súas capacidades.
A presidenta de Dano Cerebral Lugo, Ángeles Rozas, puxo o foco nos obxectivos da celebración do 20 aniversario da entidade, centrados na visibilización dos servizos que presta e no recoñecemento do traballo desenvolvido ao longo destas dúas décadas. Na súa intervención tamén presentou algúns dos agasallos que serán sorteados durante o evento, entre eles unha camiseta asinada polos xogadores do Club Baloncesto Breogán e outra asinada polos membros do Club Deportivo Lugo, doadas por ambas entidades deportivas.
Pola súa parte, o concelleiro de Deportes de Lugo, Jorge Bustos, saudou a organización da actividade na cidade e amosou a súa intención de participar na proba na categoría absoluta, destacando o carácter aberto e participativo da iniciativa.
ESTRUTURA DA CARREIRA E ANDAINA
A 5ª Carreira e Andaina Solidaria Camiñando polo Dano Cerebral contará con cinco modalidades diferentes, adaptadas a distintas idades e niveis de participación. A proba absoluta, de 5 quilómetros, será de carácter competitivo e estará aberta a persoas maiores de 16 anos, federadas ou non.
Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados e clasificadas da categoría absoluta, así como recoñecementos nas categorías Sénior, Máster 1, Máster 2, Máster 3 e Máster 4, mentres que os segundos e terceiros postos nestas categorías recibirán medalla.
Na categoría Sub 16 e Sub 14, cun percorrido de 1.200 metros, poderán participar persoas nadas entre 2011 e 2012 e entre 2013 e 2014 respectivamente, con trofeos para os primeiros clasificados e medallas para os segundos e terceiros. No caso das categorías Sub 12 e Sub 10, cun percorrido de 600 metros, poderán participar nados entre 2015 e 2016 e entre 2017 e 2018, tamén con trofeos e medallas segundo a clasificación.
A modalidade Pitufos, de 100 metros, será non competitiva e estará aberta a nenos e nenas nados a partir de 2019, que recibirán medalla ao remate da proba. Pola súa banda, a andaina solidaria, de 2,5 quilómetros, será tamén non competitiva e poderá ser realizada por persoas maiores de 16 anos ou menores acompañadas por unha persoa adulta responsable.
HORARIOS
A organización detallou tamén o programa horario da xornada, que terá como centro neurálxico a Praza Maior de Lugo. A apertura de dorsais será ás 9:00 horas, seguida da saída da proba absoluta ás 9:45 horas, con dúas voltas á muralla. As categorías Sub 16 e Sub 14 sairán ás 11:00 horas, cun percorrido na contorna da Praza Maior, mentres que Sub 12 e Sub 10 farano ás 11:15 horas. A carreira de Pitufos terá lugar ás 11:25 horas e a andaina comezará ás 12:00 horas, tras a entrega de trofeos, cun percorrido dunha volta á muralla.
A entrega de premios está prevista arredor das 11:30 horas na Praza Maior, xunto ao arco de meta. Ademais, as persoas participantes poderán recoller previamente o seu dorsal e camiseta na tenda Ndorfina, na Praza do Campo Castelo, os días 8 e 9 de maio en horario de mañá e tarde.
A inscrición permanecerá aberta ata o xoves 7 de maio ás 23:59 horas a través da plataforma CCNorte, onde tamén se publicarán as clasificacións. O acceso realízase mediante a web polodanocerebral.org, creada especificamente para os eventos deportivos de Dano Cerebral Galicia. Ata o 30 de abril aplicaranse prezos reducidos, e tamén se habilita a opción de colaboración solidaria mediante un dorsal 0 para aquelas persoas que desexen contribuír sen participar.
Todas as persoas inscritas recibirán unha camiseta conmemorativa e poderán gozar de avituallamento líquido e sólido durante a proba.