Presentada a novena edición do FACELA Fest, o festival de música independente de Lugo

Representantes da asociación cultural FACELA presentaron a novena edición do FACELA Fest, un festival de música independente que conta co apoio do Concello de Lugo, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.
O FACELA Fest volverá este ano co Auditorio Municipal Gustavo Freire como escenario principal. O seu cartel mantén a aposta por bandas icónicas da escena independente, con nomes como The Undertones (procedentes de Irlanda do Norte), Christina Rosenvinge e os xaponeses Stompin’ Riffraffs, que compartirán escenario con formacións lucenses e galegas como Jade 4, Grande Amore, Lorahacepam, Los Revelators ou Moloch.
"Seguimos apoiando un festival xa consolidado no calendario cultural de Lugo, que realiza unha importante aposta pola presenza de agrupacións lideradas por mulleres e polos grupos de Lugo", explicou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro.
Pola súa banda, a deputada de Cultura, Iria Castro, destacou "o traballo da organización para incluír cada ano no cartel bandas emerxentes que nos sorprenden" e enmarcou o respaldo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo dentro da colaboración co tecido cultural e asociativo da provincia. "Contribuímos a unha axenda ampla e variada de música en directo, que ofrece opcións ao público e tamén oportunidades ás bandas e artistas galegas e locais", engadiu.
O delegado territorial, Javier Arias, Arias felicitou aos promotores “polo nivel das actuacións das que poderemos desfrutar en directo en Lugo no marco deste festival” e valorou que sigan apostando “por darlle espazo á música de calidade feita en Galicia”. Subliñou así mesmo o impulso que está a coller o Facela Fest dentro do circuíto de festivais de música galegos, “que teñen un notable impacto económico e turístico nos lugares que os acollen”.
O FACELA Fest consolidouse como un festival de autor no que prima a calidade das bandas participantes. A súa proposta distínguese doutros festivais do país polo seu cartel coidadosamente seleccionado e arriscado. "Non é outro festival clónico, senón unha clara aposta pola diferenciación, coa cultura como eixo fundamental", afirmou Maite Ferreiro.