Presentada a plataforma ‘Transfuguismo NON / Democracia SI’ cun chamamento á mobilización cidadá

A plataforma cidadá 'Transfuguismo non, democracia si' foi presentada publicamente en Lugo como un espazo de representación social que busca canalizar o rexeitamento á moción de censura promovida polo Partido Popular co apoio da concelleira non adscrita María Reigosa.
Durante o acto, celebrado diante da Casa do Concello, os seus impulsores —Lois Pérez, Isidoro Rodríguez, Luz Darriba e Bernardino Pardo— explicaron que a iniciativa nace co obxectivo de defender os valores democráticos e dar voz a unha parte da cidadanía que considera ilexítima esta operación política.
O colectivo, integrado por arredor dun cento de persoas de ideoloxía progresista, maioritariamente vinculadas aos ámbitos cultural e educativo, puxo en marcha tamén unha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org, ao tempo que anunciou novas accións de mobilización, como unha concentración convocada para o venres, 24 de abril, ás 19.00 horas diante do Concello.
Durante a súa intervención, os portavoces agradeceron o apoio recibido, tanto das persoas presentes como doutras que non puideron asistir, e defenderon que as súas accións se desenvolven desde o “civismo, a diversidade e o respecto”, aínda que con firmeza nas súas conviccións. Ao mesmo tempo, denunciaron estar a recibir “insultos continuos e descalificacións por moitas canles” desde o inicio desta iniciativa.
A plataforma reivindicouse como voceira dunha maioría social de esquerdas que, tras as últimas eleccións municipais, fixo posible un goberno de coalición entre PSOE e BNG en Lugo. Neste sentido, consideran que teñen lexitimidade para expresar o seu “desacordo e indignación” ante o que cualifican como un “atropelo antidemocrático”, ao entender que a moción de censura pretende alterar a vontade expresada nas urnas mediante o transfuguismo.
En relación coa postura de María Reigosa, instárona a reconsiderar a súa decisión e advertiron de que “a ambición política e o desexo de poder son pasaxeiros”, mentres que as consecuencias dunha decisión deste tipo poden ser duradeiras na relación coa cidadanía. Tamén subliñaron a distancia ideolóxica co Partido Popular e convidárona a “rectificar e evitar unha vergoña que abochornaría a calquera demócrata”.
O manifesto lido durante o acto cualifica a situación actual como “o capítulo máis escuro do período democrático” na cidade e define a moción de censura como unha “estratexia oportunista”. Aínda que recoñece este mecanismo como lexítimo en determinados contextos, sostén que neste caso se está a empregar como un “atallo cara ao poder”, desvirtuando o seu sentido e erosionando a confianza nas institucións.
Os asinantes consideran que o transfuguismo é “incompatible cos principios básicos da representación democrática” e que a operación en marcha non responde ao interese xeral, senón a intereses particulares. Ademais, alertan de que suporía un cambio no modelo de cidade, con medidas como o regreso do tráfico ao centro, a implantación de plantas de biogás na contorna ou modificacións na programación cultural e no desenvolvemento urbano.
A plataforma tamén puxo o foco no contexto recente do Concello, marcado polo falecemento de tres edís do goberno municipal, incluída a alcaldesa Paula Alvarellos, xunto a Pablo Permuy e Olgo López Racamonde, cualificando de “profundamente insensible” aproveitar esta situación para promover un cambio de goberno.
Segundo sinalan, unha operación deste tipo suporía “un golpe á vontade popular”, aínda que revestido de legalidade formal, e podería xerar consecuencias como a crispación social, a división entre a veciñanza e o deterioro da confianza na política.
Finalmente, defenderon que o futuro político de Lugo debe decidirse nas urnas, situando nas eleccións municipais de maio de 2027 o momento lexítimo para avaliar a xestión e determinar posibles cambios de goberno. “Hoxe máis ca nunca, é necesario dicir alto e claro: transfuguismo non, democracia si”, concluíron.