Presentada a Programación da Semana Santa de Lugo 2025

LugoXa
Declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2019, a Semana Santa lucense arrancará cunha programación cargada de tradición, música e reflexión
Semana-Santa-Lugo-2025
27 Mar 2025

A programación da Semana Santa de Lugo 2025, que se celebrará do 4 ao 20 de abril, foi presentada nun acto que contou coa presenza do presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta; da deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2019, a Semana Santa lucense arrancará cunha programación cargada de tradición, música e reflexión, estendéndose ao longo de toda a celebración relixiosa e cultural.

O primeiro gran evento terá lugar o 4 de abril na igrexa dos Franciscanos, onde se ofrecerá o concerto titulado A Música Tradicional Galega nas Marchas Procesionais, a cargo do músico e compositor Bruno Villamor Gay. Posteriormente, o 9 de abril celebrarase o pregón na igrexa parroquial de Santiago A Nova, que será pronunciado pola mestra e escritora galega Marica Campo.

A programación continuará coas tradicionais procesións e outros actos relixiosos ata o 20 de abril, Domingo de Pascua. Ademais, incluirá actividades culturais, conferencias e concertos que enriquecerán a experiencia dos visitantes e da cidadanía lucense.

Apoio institucional e valor turístico

Desde a Deputación de Lugo, que colabora cunha achega económica de 12.000 euros, Porto destacou que esta celebración "vai máis alá do relixioso e conéctanos co noso patrimonio e a nosa historia. Trátase dun momento no que a tradición e a cultura popular cobran protagonismo, enchendo as rúas de Lugo de devoción, arte e participación cidadá".

García Porto tamén salientou o impacto turístico e económico da Semana Santa lucense, sinalando que "Lugo recibirá a miles de visitantes de Galicia, España e outros países, que atoparán aquí unha oportunidade para coñecer a cidade desde unha perspectiva distinta". Así mesmo, subliñou que "esta festividade pon en valor o noso patrimonio material e inmaterial, converténdose nunha ocasión perfecta para descubrir a riqueza monumental da cidade e da súa contorna".

Para rematar, a deputada puxo en valor o esforzo das confrarías e reafirmou o compromiso da Deputación de Lugo con estes eventos que "combinan tradición e dinamismo, reforzando a imaxe de Lugo como un destino de referencia. O noso compromiso é seguir promovendo estas celebracións que enriquecen a nosa provincia e permiten que a nosa cultura siga sendo un elemento de cohesión e desenvolvemento económico".

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a colaboración do Goberno galego coa Xunta de Confrarías de Lugo "para impulsar o importante traballo que desenvolven na organización da Semana Santa, que ademais de ser unha manifestación relixiosa, artística e cultural, é un evento de interese turístico que contribúe á dinamización económica da cidade".

Arias explicou que a Xunta patrocina tamén o concerto ‘A música tradicional galega nas marchas tradicionais’ que o músico Bruno Villamor ofrecerá o venres 4 de abril, ás 20.30 horas, na Igrexa dos Franciscanos.

Arias tamén fixo referencia ao traballo da Xunta de Galicia na conservación do patrimonio monumental relixioso de Lugo. Lembrou que nos últimos anos se levou a cabo a restauración da Capela da Soidade, "un dos puntos neurálxicos da Semana Santa, xa que neste templo se custodian algúns dos pasos máis valiosos e queridos, como a Virxe da Soidade ou o Cristo Xacente".

Ademais, mencionou as intervencións realizadas na Igrexa de San Pedro, na cuberta da Igrexa do Carme, en varias igrexas parroquiais do ámbito rural e na Catedral de Lugo, onde se restaurou o Claustro e actualmente se están levando a cabo obras para corrixir problemas de humidade que afectan á capela dos Ollos Grandes e ás capelas absidiais.

Con unha programación que fusiona tradición, arte e cultura, a Semana Santa de Lugo 2025 preséntase como unha oportunidade única para gozar dunha celebración con profundo arraigamento histórico e grande atractivo turístico.

⚙ Configurar cookies
0.12655305862427