Presentada a publicación divulgativa “Cousas do ceo” de Ana María Pérez Veiga

A publicación divulgativa “Cousas do ceo”, da autora Ana María Pérez Veiga, mestra no CPI de Castroverde, foi presentada coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que participou na edición da obra.
O libro reúne unha colección de imaxes astronómicas da Lúa, do Sol, galaxias, nebulosas e outros elementos do Universo captadas mediante equipos de astrofotografía en distintos puntos da provincia, concretamente nos concellos de Castroverde, Pol, Baleira, Outeiro de Rei e Lugo.
As fotografías están acompañadas de pequenos textos divulgativos que ofrecen información sobre os corpos e fenómenos celestes retratados, cun enfoque pensado para achegar a astronomía ao público xeral dunha maneira accesible e didáctica.
A autora convida, a través desta obra, a “levar a mirada e deixarse fascinar coa súa beleza”, propoñendo unha aproximación ao ceo nocturno desde a curiosidade, a observación e a divulgación científica.