Presentada a segunda fase do plan ‘Mondoñedo, Municipio para Investir’

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O goberno de Mondoñedo presentou a segunda fase do plan Mondoñedo, Municipio para Investir para completar as actuacións desenvoltas no período 2015-2020 de cara á dinamización da economía do municipio e á mellora das condicións de vida dos veciños.
8 Sep 2020

O goberno de Mondoñedo presentou a segunda fase do plan Mondoñedo, Municipio para Investir para completar as actuacións desenvoltas no período 2015-2020 de cara á dinamización da economía do municipio e á mellora das condicións de vida dos veciños.

Coa finalidade de reverter as dinámicas de decrecemento e envellecemento demográfico, o plan de dinamización socioeconómica municipal establece obxectivos en torno a seis eixos estratéxicos: poboación; territorio e infraestruturas; patrimonio, cultura e turismo; economía; servizos e covid-19. Así, amparándose nas fortalezas e oportunidades do municipio e dos seus recursos, o goberno local mindoniense porá énfase no desenvolvemento de actividades económicas de iniciativa local vencelladas ás tendencias actuais e tamén daquelas que cubran unha necesidade da zona. O Concello de Mondoñedo ten intención de seguir posicionándose como sede de proxectos tractores do plan de dinamización da Xunta de Galicia.

Por outra banda, o goberno local demanda á entidade que xestiona o polígono de Mondoñedo e que depende do Goberno do Estado, Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), o abaratamento do solo industrial para facer do polígono mindoniense un espazo competitivo para o asentamento de empresas.

Programas de dinamización da actividade económica 

As actuacións previstas polo goberno municipal no eido económico continúan a liña da potenciación e a creación de valor engadido nos produtos de horta e gandería a través da promoción de servizos ou do emprendemento innovador nestes ámbitos. Así mesmo, este plan contempla o deseño dun programa para a posta en marcha de proxectos no sector forestal, medidas para seguir incentivando a comercialización a través da tecnoloxía e a dinamización das relacións institucionais cos departamentos que traballan na captación de inversións. Tamén con ese mesmo obxectivo, avanzan dende o goberno local un programa de “embaixadores de Mondoñedo” ou da comarca, un programa de misións con países con emigración mindoniense, a posta en marcha dunha plataforma de dinamización da inversión público-privada e o desenvolvemento dunha estratexia de comunicación cara a grandes corporacións galegas, nacionais ou internacionais que operen nos sectores estratéxicos para Mondoñedo.

O programa específico para a dinamización da actividade económica en Mondoñedo analiza a posibilidade de reformular o programa de incentivos cara a un formato de acompañamento; así coma a posibilidade de crear unha liña de apoio específica para explorar sinerxías cos principais núcleos de emprendemento de Galicia. Igualmente, promoverá as actividades relacionadas coas TIC, a biotecnoloxía, os servizos e a loxística. Tamén recolle a creación dun “programa de relevo xeracional” e outro para a mellora da conectividade loxística de Mondoñedo; o desenvolvemento dunha campaña de comunicación entre os principais Clusters empresariais de interese para o municipio e aposta en marcha dun plan de dinamización colaborativa con entidades de referencia locais e do entorno para a posta en marcha de iniciativas sinérxicas.

En materia de servizos, esta segunda fase do plan Mondoñedo, Municipio para Investir contempla a creación dunha oficina de dinamización socioeconómica que dirixa a execución do plan de actuación, estender as redes de conexión a Internet de alta capacidade, facer un estudo das grandes corporacións e dos grandes patrimonios de Galicia e propoñer o desenvolvemento de programas que encaixen coa súa filosofía de actuación e que contribúan a mellorar a oferta de servizos á cidadanía; así coma  aumentar a oferta de servizos, dotacións e actividades en xeral para atraer á poboación activa.

Poboación, patrimonio, cultura e turismo

Esta segunda fase do plan recolle a posta en marcha do Programa Grandes Empresas de cara ao incentivo do teletraballo en Mondoñedo, así coma o desenvolvemento dun programa de ocio en Mondoñedo de cara á dinamización dunha oferta de ocio de fin de semana para todo o ano.

Igualmente, en materia de territorio e infraestruturas aposta pola dinamización do parque de vivenda e inmobles baleiros, en liña coas propostas feitas na convocatoria Rexurbe, a través dun programa de recuperación, rehabilitación e mellora do casco histórico. Segundo recolle o plan Mondoñedo, Municipio para Investir, o Concello traballará na promoción de novas modalidades de aluguer, na exploración de nichos de mercado para a vivenda baleira de Mondoñedo, no incentivo da recuperación de inmobles deteriorados; da mellora de habitabilidade, accesibilidade, eficiencia enerxética e confort das vivendas e do acondicionamento de baixos comerciais; así coma na xestión dun parque mínimo de vivendas para o apoio a persoas en situación de emerxencia. Así mesmo, promoverase a rehabilitación e posterior promoción turística de inmobles con valor histórico e patrimonial.

O Concello de Mondoñedo aposta por potenciar o liderado do patrimonio e da cultura como activos diferenciais sobre os que apoiar o desenvolvemento da actividade turística. Así, promoverá o establecemento de actividades económicas de carácter cultural ou relacionadas co turismo e coa naturez. Seguirá tamén potenciando o posicionamento de Mondoñedo como “fin de etapa” do Camiño de Santiago e desenvolvemento o  plan de marketing/posicionamento en internet de Mondoñedo como destino turístico. Estas medidas completaranse con outras como a implantación de solucións de sinalización interpretativa de baixo custo e o establecemento de distintos contactos institucionais en materia de turismo.

Atendendo aos recursos naturais do municipio, este plan de dinamización recolle a súa potenciación co obxectivo de captar colectivos vencellados a un turismo activo - espeleoloxía, sendeirismo, BTT...-. Así mesmo, o Concello agarda poñer en marcha un programa de hibridación sinérxica entre actividades vencelladas ao tecido socioeconómico e natural de Mondoñedo.

Así mesmo, o plan que presenta o Concello de Mondoñedo avanza un programa de guías turísticos locais, a promoción do establecemento en locais e edificacións rehabilitadas de empresas relacionadas co turismo de natureza e con actividades culturais; así coma a promoción activa de actividades culturais con Universidades e outras institucións.

Medidas de continxencia da covid-19

O plan de dinamización socioeconómica municipal recolle medidas de continxencia da Covid-19 coma a creación dunha “Comisión Municipal Especial de Seguimento do COVID-19” para recoller propostas de reactivación económica, estudar medidas e axudas e facer un  seguimento da situación epidemiolóxica e das pautas marcadas polo Goberno central e a Xunta de Galicia.

Así mesmo, o Concello pretende poñer en marcha unha campaña de detección e monitoreo de COVID-19, desenvolver un plan de reforzo do sistema social para protexer á poboación máis vulnerable ante posibles rebrotes; así coma un servizo ou grupo de apoio psicolóxico ou organizar os labores de voluntariado.

Igualmente, a través deste plan, o Concello avanza un programa de apoio operativo de emerxencia ao comercio, ao sector primario e Horeca; ademais da revisión das contas e do calendario fiscal do Concello, coa posibilidade de flexibilizar prazos para o pago de tributos, ampliar o catálogo de bonificacións e axudas ante posibles rebrotes e novas situacións de confinamento. Tamén apoiará ao taxi como servizo público.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1837170124054