Presentada a XXXV edición do Festival de Jazz de Lugo, que terá lugar entre o 1 e o 15 de novembro

O XXXV Festival de Jazz de Lugo celebrarase entre o 1 e o 15 de novembro e contará cunha programación de alto nivel que trae á cidade músicos referentes no panorama galego, estatal e internacional.
O Festival está organizado pola Asociación de Amigos do Jazz “Escobijazz”, un grupo de lucenses unidos polo seu amor por esta música e que se constituíu como asociación cultural no ano 1990. Desde 1991, organizan de maneira interrompida este festival, que se converteu nun dos principais fitos culturais dos últimos anos da cidade de Lugo.
A edición deste ano inclúe dous concertos destacados no Auditorio Fuxan os Ventos, co cinco veces gañador dun Grammy, Victor Wooten, acompañado pola súa agrupación "Victor Wooten & The Wooten Brothers", e con Chucho Valdés, tamén múltiple gañador de premios Grammy e considerado un dos mellores pianistas do mundo e unha das grandes figuras do jazz afrocubano.
O primeiro concerto terá lugar o venres 7 de novembro, a partir das 20:30 horas, co espectáculo de Victor Wooten & The Wooten Brothers, mentres que o martes 11 de novembro será a quenda de Chucho Valdés Royal Quartet, tamén ás 20:30 horas.
Durante a presentación, o tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, subliñaron a consolidación do festival no calendario cultural da cidade. Arroxo destacou que “celebramos este 2025 a 35ª edición dun festival que trae a Lugo unha importante selección de músicas e músicos de jazz referentes a nivel galego, estatal e internacional” e animou á veciñanza “a desfrutar do mellor jazz nunha cita que volve un ano máis para continuar ampliando a programación de calidade que organizamos desde a área de Cultura do Concello de Lugo”.