Presentada en Lugo a gala solidaria Diez Raz10nes, que se celebrará o 15 de maio

LugoXa
Xosé Antonio Touriñán porá a nota de humor na segunda edición deste evento gastronómico, que reunirá a 16 recoñecidos cociñeiros galegos
presentacion-gala-10raciones
1 May 2026

A Delegación Territorial de Lugo acolleu a presentación da gala solidaria Diez Ra10nes, que celebra a súa segunda edición o 15 de maio no Círculo das Artes coa Xunta como principal patrocinador.

O delegado territorial, Javier Arias, participou no acto xunto con representantes das firmas lucenses promotoras -Allentum, Atalaya, Os Cachivaches, Kronos e Restaurante España- e membros doutras entidades implicadas.

Arias gabou esta iniciativa, que aproveita “a excelencia da gastronomía galega, unha das nosas principais fortalezas”, para apoiar o labor de entidades que traballan por unha sociedade máis inclusiva e xusta. Así, os fondos recadados van destinados a financiar proxectos de Alume Saúde Mental e da área de Humanización do HULA.

Os organizadores deron a coñecer os detalles do evento, que este ano suma a participación do actor e humorista Xosé Antonio Touriñán. O presentador será de novo o Mago Rafa e haberá música en directo co grupo Los Hijos de la Vecina e o centro Glissando.

A cita reunirá 16 cociñeiros de Lugo e doutras provincias de Galicia, que suman oito soles Repsol. Os promotores destacaron que será a primeira vez que un acto destas características congregue a chefs das cinco asociacións galegas – grupo NOVE, Cociñeiros Lugo, Vigo Gastronómico, Coruña Cociña e Ourense Cociña- .

En canto á recadación, irá destinada a respaldar o programa Menos soidade, máis vida, desenvolvido por Alume para mellorar a calidade de vida de persoas maiores con trastorno mental grave; e o proxecto Murallalandia, un parque terapéutico, inclusivo e cultural no HULA, impulsado pola área de Humanización do hospital.

Toda a información pode consultarse na páxina web adicada á gala, onde tamén poden adquirirse as entradas.

0.12020206451416