Presentado en Lugo o fotolibro 'Ruando', unha ollada colectiva á alma urbana

O fotolibro Ruando foi presentado en Lugo como resultado do traballo colectivo dun grupo formado por preto de trinta fotógrafos da provincia, que achegan nesta publicación unha selección representativa da súa visión da rúa e do espazo urbano. O acto tivo lugar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos e contou cunha ampla asistencia de público.
A obra xorde como prolongación da exposición A rúa como espello. Unha ollada á alma urbana, que puido visitarse no Vello Cárcere durante os meses de outubro e novembro do ano pasado. A edición do libro foi posible grazas á colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que apoiou este proxecto cultural centrado na fotografía contemporánea e na reflexión visual sobre a contorna urbana.
Na presentación participaron diversas persoas vinculadas ao ámbito cultural, artístico e institucional, entre elas o fotógrafo Wajih Al Soufi, María Vázquez, profesora da EASD Ramón Falcón, Encarna Lago, xerente da Rede Museística, así como as concelleiras de Lugo Iria Castro, Maite Ferreiro e Iria Buíde. Tamén interviñeron o xornalista Santiago Jaureguizar e o fotógrafo do colectivo Germán Limeres, nun encontro que serviu para poñer en valor o traballo desenvolvido polo colectivo e o papel da fotografía como ferramenta de análise social e creativa.