Presentado o proxecto definitivo da reforma do Anxo Carro, cuxas obras comezarán a próxima semana

O Club Deportivo Lugo acolleu a presentación oficial do proxecto definitivo para a reforma do estadio Anxo Carro, nun acto que serviu tamén como punto de partida para unhas obras que arrancarán a vindeira semana e que contan cun prazo máximo de execución dun ano.
O encontro contou coa presenza de Ronald Baroni, presidente do CD Lugo, e Adrián Raguza, director xeral da entidade; así como da vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Elena Candia, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz. Tamén asistiron representantes da UTE C. Orega Vázquez e Reino S.L., empresa encargada da execución das obras, e o arquitecto Óscar López Alba, do estudio OLA.
Durante a xornada presentouse o proxecto definitivo acordado por todas as partes implicadas, resultado dun proceso de diálogo e consenso entre a administración autonómica, o club, os equipos técnicos e a construtora. A actuación suporá unha renovación integral das instalacións do estadio, co obxectivo de adaptalas ás novas necesidades do equipo e da súa afección.
O CD Lugo agradeceu a colaboración e compromiso de todas as institucións e profesionais implicados, destacando que esta intervención será clave para garantir o futuro do club e para o desenvolvemento do deporte na cidade.