Presentan a 46ª edición do Rally San Froilán

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Trátase dunha das citas máis emblemáticas do automobilismo na provincia de Lugo e un evento destacado dentro do Campionato Galego de Rallys de Asfalto
46ª-edición-do-Rally-San-Froilán
15 Out 2024

Presentan a 46ª edición do Rally San Froilán, unha das citas máis emblemáticas do automobilismo na provincia de Lugo e un evento destacado dentro do Campionato Galego de Rallys de Asfalto. Durante a súa intervención, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou a relevancia desta proba, que se celebrará os próximos días 18, 19 e 20 de outubro, non só como unha competición deportiva de alto nivel, senón tamén como unha oportunidade para promover o turismo e o desenvolvemento económico nos municipios polos que transcorre.

A cita, organizada pola Escudería Miño, celebrarase o 18,19 e 20 de outubro de 2024 e constará de 5 treitos diferentes, todos eles a dobre pasada, tendo un total de 103,86 quilómetros cronometrados e un total de 448,08. Este ano, a cita contará cunha cifra de participación record (150 equipos) que consolida a proba lucense como a máis concorrida dos calendarios galego e estatal.

Os reagrupamentos serán en Area 507 de Outeiro de Rei e, xa pola tarde, na avenida Calvo Sotelo de Sarria. A proba deste ano finalizará en Ramón Ferreiro.

A proba, organizada pola Escudería Miño, contará con cinco treitos, a dobre pasada, en Outeiro de Rei (dous, un en Bonxe e outro en Guillar), O Corgo, Láncara e entre O Páramo e Goián (Sarria), cun total de 103,86 quilómetros cronometradas

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é un ano máis a principal patrocinadora da proba, cunha achega de 30.000 euros. Na súa intervención, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Catro subliñou “a popularidade da proba entre afeccionadas e afeccionados ao motor e tamén entre os equipos, que ano tras ano responden a convocatoria independentemente da clasificación do campionato galego” e valorou “o compromiso e o interese polo rally dos equipos e escuderías lucenses”.

Neste sentido, explicou “que as accións de apoio automobilismo que poñemos en marcha desde a Vicepresidencia da Deputación van dirixidas precisamente a manter esa actividade de base” e citou “a liña de axudas específica para pilotos de rally que se convoca anualmente” e “a organización, conxuntamente con PTC Escuela e co Concello da Pastoriza, do Volante Deputación, que ofrece a pilotos noveis posibilidade de participar de forma gratuíta no rally”.

O acto contou coa presenza máis dunha ducia de pilotos, que trouxeron os seus coches á contorna do Pazo de Feiras e Congresos, entres eles, Pablo López, gañador da última edición do Volante Deputación, que participará na proba a bordo dun Dacia Sandero, no equipo de competición PTC Escuela.

 

SUBDELEGADA

No seu discurso, a subdelegada subliñou a importancia da colaboración do Goberno de España a través dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. “A Garda Civil e a Policía Nacional despregarán un dispositivo especializado para garantir a seguridade dos participantes e espectadores, permitindo así que o evento se desenvolva sen incidentes e con total normalidade”, sinalou Rodríguez, quen insistiu en que este tipo de acontecementos deportivos requiren un esforzo conxunto por parte de todas as administracións. Así mesmo, puxo en valor o nivel dos competidores que participarán no rally, cualificándoos como “os verdadeiros protagonistas” e destacando o seu compromiso e destreza como exemplos a seguir.

“O talento destes pilotos e equipos contribúe a elevar o prestixio da nosa provincia, consolidando a Lugo como un escenario ideal para competicións deportivas de primeiro nivel”, afirmou. A subdelegada tamén dedicou unhas palabras á afección, describindo aos seguidores do automobilismo como “a alma” do Rally San Froilán. “O entusiasmo e a paixón dos afeccionados son clave para o éxito do evento, e o seu apoio incondicional é o que converte esta proba nunha verdadeira festa do motor”, agregou. Por último, Isabel Rodríguez destacou o impacto positivo que o rally ten nos concellos polos que transcorre, non só en termos deportivos, senón tamén como un impulso para a economía local.

A subdelegada presidiu a Xunta Local de Seguridade da 46 edición do Rally San Froilán na Subdelegación do Goberno en Lugo. Á Xunta tamén asistiron representantes dos municipios por onde pasa o rally, responsables da Escudería Miño, organizadora da proba; así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Local, Policía Nacional, Xefatura provincial de Tráfico, Bombeiros, Protección Civil do Concello de Lugo, e Xunta de Galicia. Durante a reunión, a subdelegada fixo un seguimento en canto a protocolos e controis en caso de accidente e evacuación, participando activamente no dispositivo deses días para garantir a seguridade dos asistentes e pilotos deste evento.

0.088242053985596