Presentan a nova edición da Feira L de Lugo, que será o domingo e o luns

LugoXa
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto ao presidente da Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (AdisLugo), Eloy García López, presentou este martes no Pazo de San Marcos a terceira edición da Feira L de Lugo, un evento que volverá a exhibir este vindeiro domingo e luns, os días 24 e 25 de setembro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o mellor da gastronómica da provincia co apoio da Deputación.
presentacion feira l de lugo
presentacion feira l de lugo
20 sep 2023

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto ao presidente da Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (AdisLugo), Eloy García López, presentou este martes no Pazo de San Marcos a terceira edición da Feira L de Lugo, un evento que volverá a exhibir este vindeiro domingo e luns, os días 24 e 25 de setembro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o mellor da gastronómica da provincia co apoio da Deputación.

Así o anunciou García Porto durante o acto de presentación, sinalando que a institución provincial mantén con 15.000€ a súa aportación económica á cita, axudando desde os seus inicios a súa celebración, e felicitou as distribuidoras lucenses “por crear un evento único, nun momento especialmente complexo polo que estabamos a atravesar no ámbito sanitario e económico, coa finalidade de reivindicar a importancia do sector para a nosa economía e para o noso turismo”.

Un evento atractivo que, durante dous días, pon en contacto a profesionais e o público en xeral no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e que despois de tres anos, destacou a Deputada, a organización superou todas as expectativas, “pois en tan pouco tempo pode presumir de ser xa un espazo de referencia na gastronomía do noroeste de España, traendo a Lugo ás mellores marcas de alimentación en fresco e conxelado, adegas, cervexeiras, maquinaria de hostalaría ou menaxe”.

A Deputación, subliñou a deputada, tiña que estar un ano máis a carón dos distribuidores nesta feira porque desenvolven “unha actividade fundamental para dinamizar a economía, xerar emprego e poñer en valor un turismo de calidade e de experiencias polo que apostamos desde esta institución”. Unha colaboración, dixo, “que responde ao noso apoio ao tecido asociativo e produtivo, e que se vén a sumar a outras iniciativas postas en marcha por esta institución como o Saborea a túa Provincia ou o Coñece a túa Provincia”.

Pola súa parte, o presidente de AdisLugo, acompañado polos membros do colectivo lucense Genaro Trigo, Alejandro García e David Diéguez, aproveitou para dar as grazas á Deputación pola súa confianza e apoio constante a esta feira, que contribuíu a ser o que é hoxe: “un importante escaparate da nosa riqueza gastonómica e vitivinícola, para converter xuntos a Lugo nun destino turístico de primeiro nivel”.

Nesta terceira edición, sinalou Eloy García, “contaremos con máis de 150 adegas que expoñerán máis dun millar de viños, o que nos permitirá presentar os nosos produtos entre as marcas vinícolas máis selectas de denominacións de orixe tanto a nivel galego como nacional”.

Acelera PEMES e Axenda de Colocación

A institución provincial terá ademais presenza na feira cun expositor no informará sobre a Axenda de Colocación e o Acelera PEMES, o programa de asesoramento gratuíto ás empresas en materia de transformación dixital que ten en marcha.
Un gran espazo para experimentar

A terceira edición da Feira L de Lugo será os días 24, domingo, e luns 25, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A entradas terán un custe de 20 euros e permitirán acceder a talleres, degustacións e música en directo, con previa inscrición a través da páxina web do evento.

A primeira xornada, a do domingo, está aberta a todo o público que queira coñecer e degustar os produtos expostos, mentres que a segunda xornada, a do luns, está máis pensada para profesionais da alimentación, hostalería e distribución por ser día laborable, e servirá como festa de homenaxe a todos eles por parte das empresas de distribución.

A cita celebrarase en horario de 12.00 a 21.00 horas e ademais dos expositores contará tamén con experiencias gastronómicas elaboradas con produtos autóctonos da man de recoñecidos cociñeiros, catas coas últimas tendencias de coctelería, e incluso poderase desfrutar da elaboración do pan galego por parte de mestres panadeiros.

0.16242599487305