Presentan a oitava edición dos Premios Son Muller para impulsar o liderado feminino

LugoXa
Os galardóns, organizados por AELU e coa colaboración da Deputación e o Concello, premiarán proxectos empresariais femininos con ata 1.000 euros nunha gala que se celebrará o 12 de decembro
Premios-Son-Muller-Mulleres-Empresarias-Lugo-2025
4 Nov 2025

A oitava edición dos Premios Son Muller foi presentada en Lugo nun acto no que participaron representantes institucionais e empresariais, encabezados pola presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU), Anjhara Gómez Rodríguez.

Os Premios teñen como obxectivo fomentar a participación das mulleres no eido económico e social da provincia de Lugo, ademais de poñer en valor o seu traballo a prol da dignificación do rural, como un piar económico da economía lucense.

Esta edición contempla tres categorías para distinguir proxectos impulsados por mulleres: Son empresaria rural, Son empresaria e Son emprendedora. Cada unha delas contará con premios de 1.000, 300 e 200 euros, respectivamente.

As persoas interesadas poden consultar as bases e descargar o formulario de inscrición a través da web da asociación. A gala de entrega terá lugar o 12 de decembro, ás 20:00 horas, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo.

A Deputación de Lugo contribúe cunha achega de 3.500 euros ao financiamento destes premios, que buscan recoñecer o talento feminino e o seu papel dinamizador na economía provincial.

A deputada García Porto subliñou que “as mulleres xogan un papel fundamental no desenvolvemento económico e social da provincia” e que apoiar iniciativas como esta permite “visibilizar o talento feminino e o esforzo das emprendedoras que crean emprego e serven de referente para as novas xeracións”.

A súa intervención tamén destacou o apoio ao programa GALATEA, impulsado por AELU para mellorar a capacitación profesional das participantes, así como outras accións da Deputación como o programa do 25N, que incluirá charlas, espazos de debate e monólogos na xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais. “Levantar a voz contra a violencia é o primeiro paso para transformar as estruturas que perpetúan a desigualdade”, afirmou.

Pola súa banda, a concelleira Ángeles Novo destacou a colaboración do Concello coa iniciativa, consolidada desde 2018 como un marco de referencia para resaltar o talento, a forza e o liderado das mulleres profesionais do territorio.

Finalmente, Carmen José López, conselleira de Emprego, Comercio e Emigración, felicitou ao colectivo por enxalzar o papel das mulleres no desenvolvemento económico e social lucense e por conceder especial importancia ao emprendemento feminino no rural.

⚙ Configurar cookies
0.085622072219849