Presentan as bases da 48ª Semana de Cinema de Lugo, que se celebrará en setembro de 2026

A Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá presentou as bases da 48ª Semana de Cinema de Lugo (SECILUGO 48), que terá lugar do 21 ao 26 de setembro de 2026 na capital lucense. O principal obxectivo desta convocatoria é detectar e difundir o talento dos cineastas emerxentes, facendo especial fincapé no cinema de carácter autoral.
Poderán participar persoas físicas ou xurídicas con capacidade legal sobre as obras presentadas, como produtores, directores ou distribuidores. A persoa ou entidade que asine o formulario de inscrición será o único interlocutor válido ante o Festival e responsable fronte a terceiros implicados na produción.
As obras deberán ter sido producidas entre 2024 e 2026 e non poderán ter sido exhibidas nin editadas comercialmente en España antes do 21 de setembro de 2026, agás en festivais. As longametraxes deberán superar os 60 minutos de duración, mentres que as curtametraxes non poderán exceder de 30 minutos. Será obrigatorio o subtitulado en castelán nas películas cuxo idioma orixinal sexa galego, inglés ou calquera outro, e as obras que non cumpran este requisito quedarán excluídas.
O festival, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Lugo e a UNED Lugo, dará especial prioridade a películas de cinema internacional, galego e español, así como aquelas que aborden temáticas como os Camiños de Santiago, a fotografía, o cinema dentro do cinema, a animación e a gastronomía.
Entre os premios oficiais destacan o Premio do Público á Mellor Película da Sección Oficial, o Premio do Xurado á Mellor Película Documental, o Premio do Xurado á Mellor Película Galega (longametraxe), o Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega e o Premio do Público á Mellor Curtametraxe, todos eles cun trofeo da Semana de Cinema de Lugo.