Presentan o Campionato Galego de Billar Feminino Bola 9 e Bola 10 que se celebrará en Lugo

O Campionato Galego de Billar Feminino Bola 9 e Bola 10, que se celebrarán os vindeiros 3 e 4 de maio en Adai foi presentado polo vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e xogadoras e directivas do Club de Billar Adai.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora co club local na organización do campionato, no que destaca a participación de xogadoras junior como Antía Mera e Sara Castro, do club anfitrión, que vén desenvolvendo un importante labor de promoción e formación coas novas xeracións.
A responsable do club e xogadora, Belén Encabo, destacou “a aposta do club polas persoas máis novas, que se facilita pola evolución que está vivindo este deporte, pasando dos bares a clubs profesionais, cun ambiente exclusivamente deportivo, no que as familias se senten máis cómodas”.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, valorou “a labor de promoción do billar, e especialmente do billar feminino, que ven facendo o club, que converteu Adai nun lugar de referencia a nivel estatal” e encadrou o “apoio ao club na colaboración con entidades de toda a provincia, para crear un tecido deportivo que ofreza alternativas de ocio e competición diversas”.
A organización estima unha participación entre as 16 e as 24 xogadoras, entre as que destaca tamén Maite Ropero, compostelá con ficha do Club de Adai, que acaba de volver dos Campionatos Europeos de Billar de Estonia cunha medalla de bronce.
A competición desenvolverase ao longo das súas xornadas: o sábado será a quenda das xogadoras de Bola 9, e o domingo á mañá, das xogadoras de Bola 10. Pola tarde, disputaranse as finais.