Presentan o estudo técnico sobre a mobilidade da contorna da rúa San Roque

LugoXa
O traballo baséase nun modelo de microsimulación elaborado a partir do Traballo de Fin de Grao de Samuel Arias
Estudo-de-mobilidade-USC-Concello-de-Lugo
15 May 2025

O Concello de Lugo e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo conclúen un estudo técnico centrado na mobilidade da contorna da rúa San Roque. A análise, que abordou tanto o fluxo de tráfico rodado como o tránsito peonil, tiña como obxectivo detectar necesidades e identificar melloras que favorezan unha circulación máis segura, ordenada e eficiente nesta área da cidade.

O motivo desta análise é que San Roque é unha das zonas con maior intensidade de tránsito da cidade, polo que contar con datos obxectivos resulta esencial para deseñar actuacións baseadas no rigor técnico.

Así, o traballo baséase nun modelo de microsimulación elaborado a partir do Traballo de Fin de Grao de Samuel Arias, un proxecto que, segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, foi “un éxito” e marcou “un camiño moi importante para Lugo e tamén para a universidade”.

Entre as propostas que se derivan do estudo figuran posibles modificacións na configuración viaria, optimización da sinalización ou medidas para favorecer a mobilidade peonil.

Ademais, a proposta foi desenvolvida coa participación directa do enxeñeiro e profesor da USC Alberte Castro, quen destacou que os modelos de microsimulación “xa se veñen utilizando dende hai tempo na cidade” e que a intención é manter esta liña de colaboración de cara ao futuro.

Castro salientou que o máis relevante deste proceso é que “Lugo dispoña de ferramentas propias”, pois o Concello xa conta cunha licenza que lle permite implementar estes modelos. Subliñou ademais que a Universidade de Santiago de Compostela seguirá prestando apoio técnico no desenvolvemento, na posta en marcha e na análise dos resultados destas simulacións.

O docente valorou moi positivamente que unha cidade poida acceder a este tipo de recursos antes de acometer reformas de calado no espazo urbano, xa que iso permite prever os efectos que calquera intervención pode ter sobre outras zonas, tendo en conta que “moitas veces non somos conscientes deses impactos”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, lembrou que este tipo de ferramentas xa foran utilizadas en experiencias anteriores, como a reordenación do tráfico na zona de A Mosqueira, e subliñou a vontade do goberno local de continuar profundando nesta colaboración coa USC como vía para avanzar cara a unha planificación urbana máis intelixente e sostible.

O informe elaborado pola USC está xa en mans dos servizos técnicos municipais, que avalían agora cales das propostas poderán ser implantadas, atendendo á súa viabilidade técnica, económica e funcional.

Desde o Concello tamén se sinala que este modelo de colaboración coa Universidade, e especialmente co Grao de Enxeñaría Civil, continuará sendo clave na planificación de futuros avances na mobilidade urbana en Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.17750716209412