Presentan o proxecto para transformar a conexión da rúa Otero Pedrayo con Río Sil

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, mantiveron unha xuntanza coas veciñas e veciños da rúa Otero Pedrayo co fin de analizar a transformación do treito que enlaza esta vía con Río Sil. No encontro deuse a coñecer o proxecto elaborado pola Tenencia de Alcaldía, concibido para converter este espazo nunha zona de convivencia orientada a mellorar a calidade de vida no barrio e a incorporar as achegas da cidadanía na definición do espazo público.
Durante a reunión, Rubén Arroxo salientou que o Goberno local continúa avanzando no modelo da cidade dos 5 minutos, apostando por un urbanismo construído coa colaboración directa da veciñanza para acadar consensos na transformación dos barrios. O tenente alcalde incidiu na relevancia de escoitar as demandas veciñais e animou á cidadanía a trasladar as súas propostas ao Concello, explicando que a información recompilada, xunto coas visitas periódicas aos distintos barrios, permite planificar con maior precisión as prioridades e as actuacións a desenvolver.
O proxecto elaborado polo Goberno de Lugo contempla a creación dunha zona de convivencia na rúa, incrementando o espazo destinado ás persoas peóns e ás relacións veciñais. Arroxo puxo en valor o traballo da área de Mobilidade para converter este punto nun espazo referencial dentro do barrio e lembrou que a Tenencia de Alcaldía traballa na construción dunha cidade na que calquera persoa dispoña, a menos de 5 minutos do seu domicilio, dun lugar de estancia ao aire libre. Neste sentido, subliñou os avances logrados nos últimos anos con peonalizacións en distintos barrios, a eliminación de carrís innecesarios para ampliar beirarrúas e a creación de novas zonas verdes e espazos de convivencia, unha liña de actuación que se aplicará tamén en Otero Pedrayo.
Arroxo destacou que esta intervención constitúe un novo exemplo de participación directa da veciñanza na transformación do espazo público e lembrou que nos últimos meses se celebraron varios encontros coas veciñas e veciños para coñecer as súas necesidades e definir o proxecto. Ademais, anunciou que esta actuación quedará incluída nos orzamentos municipais de 2026.