Presentan unha nova edición da Feira do Entroido de Nadela

Nadela acollerá esta fin de semana, os días sábado 7 e domingo 8 de febreiro, unha nova edición da Feira do Entroido, unha cita xa consolidada no calendario festivo da parroquia e promovida pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de San Xoán de Pena, coa colaboración da Xunta de Galicia.
A presentación oficial do programa tivo lugar hoxe na Delegación Territorial, nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, xunto con representantes da organización. A feira contará con postos de exposición e venda de produtos de artesanía e alimentación, animación musical ao longo de toda a xornada e un concurso de disfraces dirixido a distintos públicos.
Os postos abrirán o sábado ás 9,30 horas e, xa ao mediodía, ás 13,15 horas, terá lugar a lectura do pregón, que nesta edición correrá a cargo da actriz corguesa Benedicta Sánchez, recoñecida no ano 2020 co premio Goya á mellor actriz revelación polo seu papel na película O que arde.
Durante a tarde do sábado a programación continuará cun baile e co concurso de traxes de Entroido nas modalidades infantil, de adultos e grupal. Como novidade desta edición, a organización incorporou premios para os postos e expositores mellor decorados. Ademais, ao longo de toda a xornada, o público poderá degustar filloas elaboradas por filloeiras procedentes de Muimenta.
Para o domingo está previsto o Gran Cocido da Carballeira, que dará paso a un novo baile para pechar a feira. O recinto feiral contará cunha carpa que permitirá o desenvolvemento das actividades con independencia das condicións meteorolóxicas.