Preséntase o XuvenLugo 2025, o espazo de ocio infantil e xuvenil de referencia na provincia

LugoXa
O evento abrirá o 5 de decembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo co apoio da Deputación e do Concello de Lugo
presentación-Xuvenlugo-2025-2026
3 Dec 2025

Presentada unha nova edición do XuvenLugo, o espazo de ocio infantil e xuvenil que abrirá as súas portas o próximo 5 de decembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, contando co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo.

O Pazo de Feiras ofrecerá atraccións e inchables de gran formato, así como un espazo infantil con ludoteca, globoflexia, pintacaras, mini-coreos e xogos xigantes que se poderán gozar co prezo da entrada. Ademais, o recinto contará cun circuito de minigolf, pista de slot, touro mecánico e rocódromo cun custo adicional.

O evento desenvolverase durante varias quendas en decembro (do 5 ao 8, do 12 ao 14, do 19 ao 23 e do 26 ao 30) e en xaneiro (do 1 ao 4), en horario de 16:30 a 20:30 horas. Durante as xornadas, estableceranse periodos sen ruído, de 18:30 a 20:30, para permitir a participación de nenos e nenas con TEA, hipersensibilidade sensorial ou outras condicións.

Ademais, un ano máis, a Vicepresidencia da Deputación e o Concello de Lugo promoven dous días de portas abertas con entrada gratuíta, que se celebrarán o 12 e o 19 de decembro.

O deputado de Mocidade, Daniel García, convidou “a familias e rapazada de todas as comarcas a desfrutar deste espazo de ocio co que colaboramos desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e que amplía as opcións de lecer para as nenas e nenos nestes días de ilusión”, resaltando tamén a “oportunidade que XuvenLugo ofrece de gozar do tempo libre en espazos comúns e compartidos”.

A concelleira Maite Ferreiro subliñou “a contribución de XuvenLugo á oferta de actividades que ofrece Lugo durante o Nadal, atraendo á cidade a un público familiar de toda a provincia” e convidou a achegarse ás rúas da cidade para gozar do alumeado e das propostas programadas durante estas datas.

Pola súa banda, o xerente do Pazo, Rubén López, avanzou algunhas das novidades desta edición, como a estrea da venda en liña de entradas e a nova iniciativa para fomentar a creatividade da rapazada, o sorte Pinta e Colorea, que se celebrará o 23 de decembro.

⚙ Configurar cookies
0.083851099014282