Presentouse a páxina web que recolle a documentación sobre a Zona de Baixas Emisións de Lugo

LugoXa
O Observatorio cobre así unha necesidade "imperiosa de transparencia, xa que a documentación debería estar nun repositorio público", din desde a Asociación Lugo Monumental
obras-praza-do-Ferrol-Lugo
26 Nov 2024

A Asociación Lugo Monumental presentou a páxina web elaborada polo Observatorio da Zona de Baixas Emisións do centro histórico de Lugo que recolle, nun esquema moi sinxelo e intuitivo, a documentación dispoñible sobre a Zona de Baixas Emisións da cidade de Lugo, así como os proxectos orixinais aprobados polo Goberno Local.

Con todo, non se inclúen as modificacións completas dos mesmos, por non ser facilitadas nin publicadas polo Goberno. Só está dispoñible a descrición da modificación de Santo Domingo pero non o soporte gráfico da mesma.

Para cada proxecto, inclúense as datas de aprobación, finalización inicial, prórrogas, custos e aumentos dos mesmos que se publicaron e tamén inclúe un apartado que indica por onde acceder aos aparcamentos públicos e os traxectos para desenvolver polos vehículos autorizados (residentes, transporte de mercadorías…).

A páxina tamén recolle os atrasos nas obras, tomando como referencia a data de finalización inicial e a real ou a última prórroga aprobada polo Goberno Local:

  • Praza do Ferrol: 171 días de atraso
  • Santo Domingo: 334 días de atraso
  • Montevideo e Bolaño Rivadeneyra: 383 días de atraso.

O Observatorio cobre así unha necesidade "imperiosa de transparencia e abre a porta a que os lucenses poidan comprobar a documentación que debería estar nun repositorio público pero que non se atopa, e menos co nivel de detalle e accesibilidade desta páxina", explican desde a Asociación.

En próximos días abrirase tamén unha sección de novidades que irá recollendo todas as noticias que se produzan ao redor deste asunto. "Neste momento, en que se abriu un prazo para que calquera interesado poida presentar observacións ou suxestións á futura ordenanza da ZBE, parece relevante acceder á documentación dispoñible, aínda que é rechamante que o Goberno Local non publicase o estudo encargado mediante un contrato público e que, segundo o mesmo, foi entregado ao Concello o 17 de abril do pasado ano 2023", conclúen desde Lugo Monumental.

0.18129205703735