Preto de 39.000 persoas solicitaron a regularización en Galicia no proceso extraordinario

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A Coruña concentra 17.219 solicitudes, seguida de Pontevedra (10.406), Lugo (5.947) e Ourense (5.175), mentres que xa se asignaron 14.269 citas en toda a comunidade
falame-de-emigracion
2 Jul 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe o éxito do proceso extraordinario de regularización de persoas inmigrantes na comunidade, que pechou a súa fase de solicitudes con 38.747 peticións rexistradas e 14.269 citas asignadas para a súa tramitación. O delegado salientou que estes datos evidencian tanto a necesidade desta medida como a capacidade de resposta das administracións e das entidades que colaboraron no seu desenvolvemento.

Pedro Blanco subliñou que este proceso “permite ofrecer seguridade xurídica e dereitos a milleiros de persoas que xa vivían, traballaban e formaban parte da nosa sociedade”, ao tempo que contribúe a fortalecer o mercado laboral e o sistema de protección social mediante a incorporación de novos cotizantes. Así, afirmou que “esta é unha medida de responsabilidade, de humanidade e tamén de intelixencia económica, porque favorece a integración, combate a economía mergullada e fortalece o noso mercado laboral dando resposta ás demandas das empresas e de múltiples sectores estratéxicos para Galicia”.

O delegado incidiu en que a incorporación destas persoas ao sistema formal supón un reforzo para a economía galega, ao aumentar a base de cotizantes e contribuír á sustentabilidade dos servizos públicos. Ademais, destacou que a regularización facilita a integración social e laboral, reducindo situacións de vulnerabilidade e promovendo unha convivencia máis cohesionada.

Por provincias, A Coruña rexistrou 17.219 solicitudes, Pontevedra 10.406, Lugo 5.947 e Ourense 5.175, ata alcanzar un total de 38.747 solicitudes na comunidade. Ademais, no conxunto de Galicia asignáronse 14.269 citas para a tramitación dos expedientes. Na provincia de Pontevedra, as entidades da Rede de Centros de Extranxeiría (RECEX) canalizaron o 19 % das solicitudes, desempeñando tamén as oficinas de atención un papel destacado durante todo o proceso.

O delegado do Goberno agradeceu “o extraordinario traballo desenvolvido polo persoal das administracións implicadas e das entidades sociais que colaboraron durante estes meses para facer posible un proceso desta envergadura”. Tamén quixo recoñecer “o comportamento exemplar das persoas que solicitaron a regularización en Galicia, que contribuíron ao correcto desenvolvemento dun procedemento complexo e sen incidencias relevantes”.

Pedro Blanco concluíu sinalando que a regularización “demostra que Galicia respondeu con responsabilidade e normalidade a un proceso histórico que permitirá construír unha sociedade máis cohesionada, con máis dereitos, máis oportunidades e máis futuro para todos”.

0.12309312820435