Preto de 80 establecementos participarán nunha nova edición de Comercio na Rúa en Lugo

Lugo acollerá este martes, 30 de xuño, unha nova edición de Comercio na Rúa, unha iniciativa que se celebra o último martes de cada mes co obxectivo de impulsar a actividade comercial e achegar os negocios locais á cidadanía.
A campaña está organizada pola Federación de Comercio de Lugo en colaboración co Concello de Lugo e, nesta edición de verán, contará coa participación de arredor de 80 establecementos da capital lucense adheridos á entidade.
Durante esta xornada, os negocios participantes poderán trasladar parte da súa oferta comercial ao exterior dos seus locais, permitindo unha maior visibilidade dos produtos e un contacto máis directo cos consumidores. Ademais, os establecementos participantes estarán identificados mediante as bandeirolas específicas da campaña para facilitar a súa localización por parte dos clientes.
A iniciativa busca reforzar a proximidade entre o comercio local e a cidadanía, ao tempo que pretende poñer en valor a importancia do sector comercial e contribuír á dinamización das compras na cidade.