Comeza o XuvenCiencia a través de paseos culturais

LugoXa
A novena edición do Campus de Verán XuvenCiencia deu os primeiros paseos este luns sobre o adarve da muralla romana de Lugo.
xuvenciencia roteiro
28 Xuño 2021

A novena edición do Campus de Verán XuvenCiencia, un programa de convivencia e divulgación científica promovido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC, deu os primeiros paseos este luns sobre o adarve da muralla romana de Lugo.

Este foi o primeiro escenario polo que os 65 estudantes preuniversitarios inscritos neste campamento de divulgación científica (mozas e mozos procedentes das catro provincias galegas e outros chegados de Madrid, Barcelona ou Álava), acompañados de docentes e monitores, completaron un itinerario cultural e medioambiental que os levou polo Camiño Primitivo ata as ribeiras dos ríos Miño e Rato.

A expedición estudantil detivo a súa marcha matinal nas inmediacións da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, onde se ofreceu un acto de acollida á mocidade participante, ao tempo que, logo de felicitar aos organizadores desta iniciativa, lle trasladaron os seus mellores desexos para esta peculiar experiencia universitaria.

A primeira xornada do Campus de Verán XuvenCiencia 2021 mantivo ao estudantado en marcha. Así, logo dun achegamento ao casco histórico lugués desde a muralla e coas explicacións de profesorado implicado no campus, as mozas e mozos prolongaron a súa camiñada ata a ponte romana do río Miño, desde a que avanzarían máis tarde ata ao parque periurbano do río Rato, un treito no que tamén tiveron ocasión de coñecer, entre outros contidos, as pesqueiras de anguías nos caneiros. Esta rota cultural e medioambiental tivo como colofón o relatorio Codeseñar o noso futuro, a cargo da doutora e investigadora biomédica lusa Joana Magalhâes. A sesión poderá seguirse a través de streaming e tamén da canle de YouTube do Campus Terra.

A xornada de apertura do Campus de Verán XuvenCiencia permitiu á mocidade participante coñecer a contorna na que permanecerán ata o venres 2 de xullo, un período no que agrupados en equipos burbulla de 5 ou 6 integrantes, os novos científicos poderán desenvolver e participar nos dez proxectos científicos programados, así como no obradoiro de medios de comunicación.

A esta oferta súmanse obradoiros de tarde para a representación gráfica de datos e a elaboración de vídeos de divulgación científica e de YouTube, que despois participarán en concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia. Haberá, ademais dalgunha sorpresa, charlas divulgativas e unha auténtica Feira de Ciencia no Campus de Lugo, que se desenvolverá ao longo da xornada do venres 2 de xullo.

0.12082815170288