Proclamados os gañadores do II Certame Audiovisual sobre o Nadal do Belén de Begonte

LugoXa | TerraChaXa
Os galardóns en adultos irán para Lugo e Pontevedra e os infantís quedan na localidade begontina
premio-nadal-audiovisual
14 Jan 2026

O Centro Cultural José Domínguez Guizán, entidade impulsora do Belén de Begonte, deu a coñecer os gañadores do II Certame Audiovisual sobre o Nadal, unha iniciativa que volveu poñer de manifesto a creatividade e o espírito nadaleiro dos participantes.

De acordo coas bases do certame, os traballos foron publicados na páxina de Facebook do Belén de Begonte e sometidos á votación do público, que puido emitir o seu veredicto ata as 0.00 horas do pasado día 12. As propostas máis votadas en cada categoría resultaron finalmente premiadas.

Na categoría xeral, destinada a participantes de 15 anos ou máis, así como a grupos mixtos infantil-adulto, o primeiro premio, dotado con 250 euros e diploma, foi para o traballo titulado Non hai Nadal sen…, presentado polo alumnado de Epapu de Formación de Adultos de Albeiros. O segundo premio, de 100 euros e diploma, recaeu en María Soledad García Riveiro e Arwen Fernández García, de Nigrán, na provincia de Pontevedra.

Pola súa banda, na categoría infantil, dirixida a participantes de ata 14 anos, o primeiro premio, tamén dotado con 250 euros e diploma, foi para o audiovisual O obxecto misterioso, realizado polo alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte. O segundo premio, de 100 euros e diploma, correspondeu ao traballo O pastor que o atopou, elaborado igualmente por alumnado de 5º e 6º do mesmo centro educativo.

Desde o Centro Cultural José Domínguez Guizán destacaron a elevada calidade de todas as propostas presentadas, cheas de emoción, creatividade e espírito do Nadal, e agradeceron o talento e a implicación de todas as persoas participantes. A entrega de premios terá lugar o vindeiro 31 de xaneiro, coincidindo co acto de clausura do Belén e da programación do Nadal en Begonte.

⚙ Configurar cookies
0.079777002334595