PRODEME representará o CB Breogán na Copa Campeones da Fundación ACB

LugoXa | RibeiraSacraXa
A asociación de Monforte participará na temporada 2026-2027 nesta competición estatal de baloncesto inclusivo para persoas con discapacidade intelectual
Prodeme-Monforte-Copa-Campeones-CB-Breogán
14 Oct 2026

Os deportistas da Asociación PRODEME de Monforte de Lemos competirán na temporada 2026-2027 na Copa Campeones da Fundación ACB, unha competición estatal de baloncesto dirixida a persoas con discapacidade intelectual. A entidade monfortina representará o Río Breogán a través da Fundación Breogán, nun proxecto que reforza a colaboración entre o ámbito deportivo e o social.

A segunda edición do torneo presentouse este mércores, 14 de outubro, en Barcelona. Ao acto acudiron Manuel Luaces, que exercerá como adestrador do equipo, e Diego Pérez, deportista de PRODEME, en representación da asociación.

A participación nace da colaboración entre PRODEME e a Fundación Breogán, dirixida por Luis Abel Taboada, que mantén unha estreita relación coa entidade monfortina e coa promoción de oportunidades deportivas para persoas con discapacidade intelectual.

A organización e a xestión do equipo estarán coordinadas por Javier Cortiñas, subdirector de PRODEME e directivo do CB Lemavos, cunha longa vinculación ao baloncesto de Monforte.

Cortiñas será o encargado de manter a comunicación coa Fundación Breogán e de coordinar os aspectos organizativos necesarios para que a asociación participe no torneo.

A súa experiencia no deporte local e no ámbito da discapacidade intelectual servirá de apoio para desenvolver este novo proxecto, que permitirá aos deportistas de PRODEME incorporarse a unha competición vinculada aos clubs da máxima categoría do baloncesto estatal.

Un paso máis para o deporte inclusivo en Monforte

A participación na Copa Campeones amplía a traxectoria deportiva de PRODEME, que leva anos competindo en diferentes disciplinas, especialmente nas probas organizadas por Special Olympics Galicia. Entre elas figuran o fútbol sala, o baloncesto, o atletismo e a petanca.

A nova oportunidade permitirá aos integrantes do equipo compartir experiencias con deportistas doutras localidades e participar nunha competición que conecta o baloncesto inclusivo coas estruturas do deporte profesional.

Desde PRODEME destacan o valor do deporte como ferramenta para favorecer a inclusión, a autonomía persoal, a convivencia e o desenvolvemento das capacidades das persoas con discapacidade intelectual.

A asociación tamén agradece á Fundación Breogán e, en particular, ao seu director, Luis Abel Taboada, a colaboración mantida ao longo dos anos. A entidade monfortina afronta esta nova etapa coa intención de seguir promovendo a participación deportiva e a igualdade de oportunidades.

0.149658203125