Profesionais do teatro de Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi reúnense no Vello Cárcere
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, asistiu onte ao encontro Habitación Peregrina PRO, que reúne profesionais de Galiza, Asturies, Cantabria e Euskadi no Centro Cultural do Vello Cárcere de Lugo durante esta semana. O proxecto é posíbel grazas á colaboración das áreas de Cultura do Concello de Lugo e da Deputación.
As xornadas enmárcanse no proxecto Camiño Escena Norte, que promove o intercambio cultural entre os territorios da ruta histórica do Camiño Norte a través do teatro e que conta coa colaboración, un ano máis, da área de Cultura do Concello de Lugo.
O encontro está a servir para que as profesionais do sector entren en contacto, coñezan as liñas de traballo e circuítos de programación nos distintos territorios e exploren vías de coprodución, ademais de reflexionar sobre a realidade do sector nas circunstancias actuais.
Maite Ferreiro sinalou que "é un pracer acoller un ano máis en Lugo este encontro de Camiño Escena Norte, un proxecto ao que contribuímos convencidas da necesidade do intercambio cultural como ferramenta para fomentar a innovación e a creatividade, neste caso entre os grupos de teatro".