Promoven unha xornada de portas abertas nas residencias artísticas do Coliving do Carme

O Centro de Artes Múltiples (CAM) de Lugo celebrará este xoves, 26 de marzo, entre as 17.00 e as 19.30 horas, unha xornada de portas abertas co obxectivo de amosar á cidadanía, especialmente ao sector cultural lucense, a evolución dos proxectos desenvolvidos nas primeiras residencias artísticas do Coliving Municipal do Carme.
Durante este encontro interactivo, o público poderá acceder aos estudos das tres persoas seleccionadas, observar de primeira man os seus procesos creativos e achegarse ás súas obras. A iniciativa permitirá coñecer o traballo que hai detrás de cada proposta, así como conversar directamente cos artistas, favorecendo unha experiencia próxima e participativa.
Ao longo da tarde, as persoas asistentes terán a oportunidade de visitar os espazos de traballo, descubrir os proxectos en marcha e dialogar cos creadores, explorando non só os resultados finais, senón tamén as fases de investigación, experimentación e desenvolvemento que forman parte do seu día a día. Ademais, esta actividade busca reforzar o vínculo entre os artistas residentes e a sociedade lucense, fomentando o intercambio de ideas e a implicación do público.
As residencias artísticas, impulsadas pola área de Dinamización Económica, estenderanse ata finais de abril, momento no que os tres participantes concluirán os seus traballos. Con esta proposta, o CAM Lugo consolida o seu papel como un espazo aberto, accesible e dinámico, centrado na promoción da creación contemporánea e na conexión coa cidade.
Esta primeira edición do programa púxose en marcha a comezos de ano como unha iniciativa pioneira a nivel municipal, orientada a poñer en valor a arte en relación co patrimonio rural e a riqueza natural do concello de Lugo. Os proxectos seleccionados caracterízanse pola súa natureza multidisciplinar e pola combinación de distintas linguaxes artísticas.
O Concello reforza así a súa aposta pola innovación e o emprendemento, trasladando estes principios ao ámbito cultural e creativo, e abrindo novas vías para o desenvolvemento artístico no contexto municipal e nacional.
Entre os 27 proxectos presentados nesta primeira convocatoria foron escollidos os de Álvaro Corral, procedente de Ourense; María Susinos, de Cantabria; e Marta Cuba, da Coruña. A proposta ‘Cancela Fermosista’, de Corral, explora os discursos do bordado e da artesanía tradicional galega mediante unha intervención in situ no CAM, empregando fío de metal e outros materiais. Pola súa banda, Susinos presenta ‘Lluvia templada’, un proxecto pictórico vinculado á expresión literaria que recrea paisaxes oníricas a través dunha pintura sobre liño inspirada na terra galega. Finalmente, Marta Cuba desenvolve ‘Venera’, unha instalación que combina bordado e danza, centrada nos simbolismos do xardín como espazo de conexión entre o humano e o transcendente.
A xornada de portas abertas dá cumprimento a un dos principais obxectivos destas residencias, que é dar visibilidade ao traballo dos artistas e integralos no tecido cultural, artístico e educativo da cidade a través de diferentes actividades.