Protección Civil repartirá 4.000 pulseiras identificativas para menores durante o San Froilán

Protección Civil de Lugo porá en marcha unha iniciativa destinada a reforzar a seguridade dos máis pequenos durante as festas patronais do San Froilán.
Os voluntarios e voluntarias deste corpo repartirán unhas 4.000 pulseiras identificativas para menores, co obxectivo de facilitar a súa localización no caso de que se extravíen nas zonas de maior concorrencia do feiral, as costas do parque ou as prazas do centro histórico.
As pulseiras dispoñen dun espazo en branco no que nais, pais ou titores poderán escribir un número de contacto. Deste xeito, en caso de perda, axilízase a procura e a recuperación dos nenos e nenas.
O posto de reparto estará situado na esquina entre a Praza Horta do Seminario e a rúa Anxo López Pérez, un dos accesos máis transitados ao recinto feiral. As pulseiras poderán retirarse os días 5 e 12 de outubro, de 12:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 20:30 horas; mentres que os días 4 e 11 o horario será de 17:00 a 20:30 horas.
O Goberno Local mantén así unha medida implantada nas últimas tres edicións do San Froilán, coa que se busca aumentar a seguridade dos cativos e ofrecer maior tranquilidade ás familias.