Proxectan transformar a Escalinata dos Paxariños nun novo espazo de convivencia entre Fontiñas e a rúa Primavera

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, mantiveron unha xuntanza coas veciñas e veciños da Escalinata dos Paxariños co obxectivo de analizar a transformación desta rúa que conecta o barrio das Fontiñas coa rúa Primavera. O encontro serviu para avanzar nun acordo coa veciñanza orientado á creación dun novo espazo de convivencia que permita mellorar a calidade de vida e reforzar a participación cidadá no deseño dos espazos públicos.
A Tenencia de Alcaldía será a encargada de redactar un proxecto que faga posible a creación dunha zona de convivencia nesta rúa, incrementando o espazo destinado ás persoas peoas e habilitando áreas pensadas para o encontro veciñal. Rubén Arroxo subliñou que desde a área de Mobilidade se está a traballar para dotar o barrio dun novo espazo referencial para a convivencia, en liña co modelo de cidade que promove que toda a cidadanía dispoña, a menos de cinco minutos da súa vivenda, dunha zona de estar ao aire libre.
Arroxo puxo en valor o avance logrado nos últimos anos a través de actuacións de peonalización en distintos barrios, nas que se eliminaron carrís innecesarios para amplar beirarrúas e crear novas zonas verdes e espazos de convivencia, unha liña de actuación que tamén se aplicará neste punto das Fontiñas. Ademais, destacou a importancia de atender as demandas veciñais e animou á cidadanía a trasladar as súas propostas ao Concello, explicando que a información recompilada, xunto coas visitas periódicas aos barrios, permite planificar con maior precisión as prioridades e o traballo municipal.