Proxéctase unha nova rotonda no cruzamento entre Ronda de Fingoi e Alfonso X

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que a área de Mobilidade estuda un proxecto para modificar a unión da rúa Afonso X coa Ronda de Fingoi.
Desta maneira, Arroxo afirmou que "seguimos a traballar en mellorar a mobilidade na cidade, aumentando a seguridade peonil mentres se mantén a fluidez do tráfico", e engadiu "proxectamos unha rotonda neste cruzamento, actualmente regulado por semáforos, que mellore as condicións de seguridade da intersección".
A intersección da rúa Alfonso X coa Ronda de Fingoi está regulada por semáforos, no que conflúen vías de similar intensidade de tráfico. "No aspecto visual é un espazo espido, en contraste co bulevar da Ronda de Fingoi, e de dimensións demasiado altas para ó tráfico que soporta", explican.
Por isto, coa mellora da intersección preténdese acadar unha mellora tanto funcional como estética e de integración na contorna, "mellorando a seguridade da intersección viaria, ao mesmo tempo que se reducen os tempos de espera".
Con esta actuación, o Concello de Lugo busca eliminar os semáforos creando unha rotonda axardinada, e redeseñando as entradas para garantir a seguridade dos peóns e manter a continuidade da rúa.
O alumeado adaptarase ao novo deseño, avanzando na implantación de alumeado LED, e modificarase a rede de saneamento para garantir a correcta drenaxe da intersección.