PSdeG e BNG acusan a Candia de "autoritarismo" e de impedir o control da oposición nas comisións municipais

O Grupo Municipal Socialista e o Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo emitiron este xoves un comunicado conxunto no que denuncian o que cualifican de "trato denigrante", "falta absoluta de respecto institucional" e unha "deriva autoritaria" por parte do Goberno local de Elena Candia durante o desenvolvemento de dúas comisións municipais celebradas ao longo da xornada.
Segundo ambas formacións, tanto na Comisión de Alcaldía, Medio Ambiente, Xestión Integral de Recursos Humanos, Seguridade, Dinamización Económica e Relacións Institucionais como na Comisión de Política Social producíronse feitos que, ao seu xuízo, vulneran os principios democráticos que deben rexer o funcionamento dunha institución pública, ao impedirse o exercicio da labor de control da oposición.
Entre as críticas recollidas no comunicado, PSOE e BNG aseguran que a alcaldesa foi incapaz de acreditar a existencia dos informes nos que, segundo din, fundamentou decisións como o levantamento dunha parte das actuacións executadas con fondos EDUSI ou as súas manifestacións sobre a perigosidade dunha determinada infraestrutura. As formacións sosteñen que Candia non presentou nin identificou os supostos informes da Unión Europea e da Policía Local aos que fixera referencia publicamente.
No mesmo comunicado, o BNG critica tamén que o Goberno local non ofrecese explicacións sobre o traballo desenvolvido pola Concellería de Emigración, ao responder que non informaría ata contar cun proxecto que presentar. Socialistas e nacionalistas consideran que esta resposta evidencia a falta dun plan de goberno definido máis de dous meses despois da chegada do PP á Alcaldía.
As dúas formacións tamén censuran que o Executivo non facilitase información sobre o custo do novo despacho habilitado para a concelleira tránsfuga nin aclarase se os traballos foron executados con medios propios do Concello ou mediante contratación externa.
Outro dos aspectos que denuncian é o levantamento anticipado da Comisión de Alcaldía por decisión da alcaldesa e da Comisión de Política Social por parte da súa presidenta, Mar Carballas, o que, segundo PSOE e BNG, impediu que a oposición puidese completar as súas preguntas e exercer con normalidade a súa función de fiscalización.
No ámbito da política social, ambas formacións afirman que o Goberno confirmou que non impulsou ningunha medida de apoio á comunidade venezolana residente en Lugo tras a recente catástrofe sísmica rexistrada en Venezuela, unha resposta que cualifican de decepcionante. Tamén critican que, ao preguntar polos proxectos estratéxicos previstos para o mandato, a resposta fose que "xa os coñecerán cando se leven a cabo", o que interpretan como unha mostra da falta de planificación do Executivo.
PSOE e BNG conclúen que o sucedido nas comisións municipais vai máis alá da discrepancia política e sosteñen que o Goberno local está a deteriorar a convivencia institucional e o funcionamento democrático do Concello de Lugo. Por iso, reclaman un cambio de actitude, maior transparencia e o respecto aos dereitos da oposición.
SEN SERVIZO DE SOCORRISMO NA CONTORNA DO RÍO
O BNG de Lugo acusou ao Goberno local do Partido Popular de descoidar a seguridade da veciñanza ao confirmar, durante a comisión municipal de Medio Ambiente, que este verán non se prestará o servizo de socorrismo na contorna do río.
A concelleira nacionalista Maite Ferreiro asegurou que este dispositivo "é fundamental para garantir a seguridade das persoas que acceden ao río durante o verán" e lamentou que o Executivo local decida suprimilo. Segundo afirmou, trátase dun servizo que se viña prestando desde hai anos e cuxa desaparición considera unha mostra da falta de implicación do novo Goberno.
Ferreiro sinalou que, aínda que a zona non conta cun acceso formalizado, numerosas persoas acoden igualmente ao río para refrescarse, especialmente durante os episodios de altas temperaturas. Por este motivo, defendeu a necesidade de manter persoal cualificado que poida actuar con rapidez en caso de emerxencia e advertiu de que a ausencia deste servizo supón, ao seu xuízo, "un risco innecesario".
A edil tamén criticou a xestión do PP respecto á contorna fluvial, asegurando que "primeiro mentiron co acceso fixo ao río, que se tivo que retirar, e agora eliminan un servizo básico para todas e todos os lucenses que desfrutan diariamente deste espazo".
Desde o BNG sosteñen que esta decisión evidencia a falta dun proxecto para a cidade e consideran que responde á "improvisación" e á "incapacidade" do Goberno municipal para continuar mellorando os servizos públicos.