PSOE e BNG critican o nomeamento de María Reigosa á fronte da Comisión de Urbanismo

GaliciaXa | LugoXa
A oposición denuncia que a presidencia dunha edil non adscrita e tránsfuga supón unha “burla ao espírito da normativa antitransfuguismo”
comisions-PP-goberno-local-Lugo
21 May 2026

PSOE e BNG cuestionaron a decisión de que a concelleira non adscrita e tránsfuga María Reigosa presida a Comisión de Urbanismo, Mobilidade, Obras e Zona Rural. Para o portavoz socialista, Miguel Fernández, esta decisión “evidencia de maneira clara a existencia de pagamentos políticos derivados da moción de censura”.

Segundo explicou, este tipo de nomeamentos non responden a criterios de capacidade nin de organización institucional, senón a “equilibrios artificiais deseñados para repartir poder tras a moción de censura”. Nese sentido, advertiu de que o Goberno local estaría utilizando “resquicios legais para regatear o espírito da normativa”.

Fernández lembrou que, aínda que a lei non prohibe expresamente este tipo de designacións, o espírito do marco antitransfuguismo é, ao seu xuízo, claro: evitar que o transfuguismo se converta nun instrumento para acceder ou manter cotas de poder nas institucións. Por iso, considerou que poñer unha edil tránsfuga á fronte dunha comisión relevante supón “unha burla” a ese principio e un deterioro da calidade democrática.

O portavoz socialista cualificou a situación de “insultante para a cidadanía” e criticou que se estea a desvirtuar o funcionamento institucional para soster acordos baseados, segundo dixo, en “pagamentos encubertos”. Ademais, advertiu de que non se trata dunha cuestión menor, senón dunha mostra dun modelo de goberno baseado na aritmética da moción de censura e non no interese xeral de Lugo.

Pola súa parte, o portavoz do BNG, Alexandre Penas, tamén criticou o nomeamento e cualificouno de “lamentable”. Segundo afirmou, resulta inxustificable que unha persoa tránsfuga presida unha comisión cando existen membros no propio goberno con experiencia histórica nestas áreas que, ao seu xuízo, quedan relegados a un segundo plano.

Penas engadiu que a alcaldesa semella estar “secuestrada pola omnipresenza da concelleira tránsfuga”, á que identificou como representación da dereita e centro-dereita na corporación lucense.

A Comisión de Urbanismo, Mobilidade, Obras e Zona Rural reunirase os xoves da penúltima semana de cada mes ás 10:00 horas baixo a presidencia de María Reigosa. Nela abordaranse propostas e preguntas dos grupos municipais relacionadas con estas áreas, así como rogos e cuestións previas ao pleno.

O Grupo Municipal Socialista anunciou que continuará a fiscalizar este tipo de decisións, que considera contrarias á ética institucional e ao funcionamento democrático das administracións locais.

0.12614297866821