Que hai que saber antes de presentarse a un concurso literario? Lugo acollerá unha charla para descubrilo

Que hai detrás das bases dun concurso literario? Que aspectos hai que revisar antes de enviar un texto? Que tipos de convocatorias existen? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán na charla "Palabras con premio. Todo o que debes saber sobre os concursos literarios", que terá lugar o 29 de setembro, ás 18:00 horas, no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Lugo.
A iniciativa está promovida polo colectivo Nexo Artistas e Alucem, dentro do seu proxecto Emcreativo, e busca achegar información práctica ás persoas que estean interesadas en dar o paso de presentar os seus traballos a un concurso literario.
A sesión estará pensada para diferentes perfís, desde persoas que xa teñen participado en convocatorias deste tipo ata aquelas que nunca presentaron unha obra e queren coñecer como funciona o proceso antes de facelo.
Entre os contidos estarán o funcionamento dos concursos, as diferentes modalidades de convocatorias e os elementos que é necesario valorar antes de presentar unha obra. Ademais, compartiranse recomendacións prácticas para afrontar a participación e coñecer mellor os pasos que implica este tipo de procesos.
A actividade tamén permitirá ás persoas asistentes formular preguntas, aclarar dúbidas e compartir experiencias, nun encontro pensado para facilitar o achegamento aos concursos literarios e ás oportunidades que ofrecen para presentar e dar a coñecer o traballo de novos autores.