Queizán celebra esta fin de semana as súas festas con música, xantar popular e actividades para todas as idades

A parroquia de Queizán, no Concello do Corgo, celebrará os días 8 e 9 de agosto as súas festas patronais cun programa pensado para reunir á veciñanza e visitantes arredor da música, a gastronomía e as actividades tradicionais.
Os festexos arrancarán o sábado 8 ás 23.00 horas cunha gran verbena amenizada polo grupo Calibre e o DJ Adolfo Valiño, nunha noite que marcará o inicio dun intenso programa festivo.
A xornada principal terá lugar o domingo 9 de agosto. As actividades comezarán ás 13.30 horas cunha misa solemne e procesión, que estarán acompañadas musicalmente por Iria e Rodrigo. A continuación, ás 14.00 horas, celebrarase a sesión vermú coa actuación do dúo Son II.
Ás 14.30 horas dará comezo o tradicional xantar popular, seguido dun sorteo ás 16.00 horas. Media hora despois, ás 16.30 horas, organizaranse xogos para nenos e adultos, mentres que ás 18.00 horas haberá merenda e lambetadas para os máis pequenos.
Xa pola tarde, ás 20.30 horas, terá lugar a preparación das paellas, antes da cea popular prevista para as 21.00 horas. A programación concluirá ás 23.00 horas cunha nova verbena, nesta ocasión coa actuación de Son II.
As festas están organizadas pola Asociación de Veciños de Vidueiros e contan coa colaboración do Concello do Corgo e doutras entidades, mantendo viva unha celebración que cada ano reúne a numerosas persoas na parroquia.