Queremos Galego chama a unha participación masiva na manifestación do Día das Letras Galegas

A plataforma Queremos Galego compareceu en Lugo para facer un chamamento á participación masiva na manifestación en defensa do galego que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro Día das Letras Galegas. A mobilización desenvolverase baixo o lema “O galego, lingua vital” e partirá da Alameda ás 12:00 horas para percorrer as rúas da capital galega nun contexto marcado pola situación de emerxencia lingüística.
Desde a plataforma advertiron de que esta situación responde “ao desleixo que manifesta a Xunta á hora de comprometerse co idioma”, acusando ao Goberno galego de actuar en sentido contrario á protección dos dereitos lingüísticos da cidadanía. “En lugar de protexer os nosos dereitos lingüísticos fan todo o contrario”, lamentaron.
Durante a comparecencia tamén quixeron lembrar a figura de Begoña Caamaño e a súa implicación na defensa da lingua galega. Desde Queremos Galego sinalaron que “cómpre ter máis presente ca nunca a Begoña Caamaño e todo canto ela participou na defensa do noso idioma”, recuperando ademais un texto da autora no que criticaba o decreto de plurilingüismo impulsado pola Xunta. “Van asinar non a defunción, senón a execución do galego”, escribira Caamaño, escritora e xornalista homenaxeada nas Letras Galegas 2026.
A plataforma informou tamén de que haberá autobuses dispoñibles desde Lugo para todas aquelas persoas interesadas en asistir á manifestación en Santiago. Os vehículos sairán ás 9:30 horas desde Sindicatos e as persoas interesadas poderán reservar praza chamando aos teléfonos 982225812 ou 982280410. Ademais, tamén se habilitou a posibilidade de anotarse a través de Whatsapp no número 616950778.
Como antesala, a plataforma celebra o acto "Begoña Caamaño nas nosas voces" no templete da Praza Maior ás 20:00 horas.