Queremos Galego convoca unha concentración en Lugo pola eliminación da área de Promoción da Lingua

LugoXa
A plataforma chama á cidadanía a mobilizarse este xoves na Praza Maior para denunciar o que considera un ataque aos dereitos lingüísticos do galego
Queremos-Galego-Letras-Galegas-Lugo
14 May 2026

A plataforma cidadá Queremos Galego convocou unha concentración de urxencia para este xoves 14 de maio ás 20:30 horas no fondo da Praza Maior de Lugo. A mobilización prodúcese tras a decisión do novo goberno municipal do Partido Popular de eliminar a área de Promoción da Lingua.

Dende a organización explican que a convocatoria busca que “a cidadanía mostre a súa repulsa ante unha determinación que o único que fai é deixar ao galego desprotexido nun contexto de emerxencia lingüística”. A poucos días da celebración das Letras Galegas, a plataforma considera que esta decisión “vulnera de cheo os dereitos lingüísticos do galego” e evidencia, segundo sinalan, “o maltrato ao que o Partido Popular somete o noso idioma”.

Ademais, Queremos Galego tamén denunciou a actuación da policía local durante o acto “Begoña Caamaño nas nosas voces”, unha homenaxe que contaba coa autorización correspondente para a súa celebración e que, segundo indican, sufriu “intimidacións policiais”.

A plataforma asegura que continuará denunciando o que considera un “menosprezo e persecución” cara á lingua galega por parte do Partido Popular e fai un chamamento á participación na concentración baixo o lema “A prioridade do PP: Acabar coa nosa lingua”.

0.11890006065369