Queremos Galego leva a Lugo a recollida de sinaturas para impulsar a ILP Lingua Vital

A plataforma Queremos Galego levou a Lugo a recollida de sinaturas para impulsar a ILP Lingua Vital, unha proposición de lei que busca incorporar á normativa os acordos existentes en defensa do galego e garantir o dereito a utilizar a lingua en todos os espazos. O primeiro punto de recollida instalouse na rúa da Raíña, coa participación do voceiro do BNG, Rubén Arroxo, e varias concelleiras da formación.
A iniciativa precisa reunir un mínimo de 10.000 sinaturas de persoas inscritas no censo electoral para poder ser debatida no Parlamento de Galicia. A proposta foi presentada en setembro na Cámara galega por representantes das entidades sociais que apoian o Protocolo Lingua Vital, co obxectivo de reverter a situación de emerxencia lingüística que, segundo sinalan, reflicten os estudos sobre o uso do idioma.
O voceiro de Queremos Galego defendeu que esta situación pode cambiar co compromiso das administracións públicas e da sociedade. "Non nos resignamos. Se a lingua galega está viva é porque hai unha sociedade que a defende e actúa para mantela", afirmou.
A plataforma considera que a iniciativa recolle os principais acordos acadados por entidades lingüísticas, sindicais, culturais, veciñais, educativas, ecoloxistas e de persoas consumidoras. Entre eles figuran o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.
Unha vez admitida a trámite, a campaña de recollida estenderase por toda Galicia coa colaboración de centos de colectivos e persoas voluntarias, que habilitarán puntos de sinatura en vilas e localidades. Desde Queremos Galego destacan tamén a pluralidade das entidades promotoras e defenden que o idioma é un elemento de unidade e cohesión social. A plataforma reclama que o Parlamento apoie a proposta e cumpra os acordos existentes en materia lingüística.