Queres traballar e aprender no rural? O Campus Terra convoca 28 bolsas de prácticas remuneradas
O Campus Terra da USC lanza unha nova convocatoria do programa ‘Retorna ao rural con Campus Terra’ a través da que o alumando matriculado nos dous últimos cursos das titulacións de grao impartidas nas facultades de Ciencias, Formación do Profesorado, Veterinaria, EPS de Enxeñaría e Humanidades poderán completar estadías formativas de ata tres meses de duración en empresas e entidades asentadas no medio rural de Galicia.
Trátase dunha iniciativa financiada ao abeiro do convenio asinado entre a USC e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o campus de especialización localizado na sede universitaria luguesa. O prazo de presentación de solicitudes a esta convocatoria permanece aberto, a través da sede electrónica da USC ata o 26 de marzo para alumnado de últimos cursos das titulacións das facultades de Ciencias e Humanidades para desenvolver prácticas durante un período de ata 3 meses (entre abril e setembro de 2024).
As persoas beneficiarias poderán solicitar o recoñecemento de ata 13 créditos ECTS. A nova convocatoria deste programa de prácticas remuneradas en empresas e entidades do medio rural impulsada directamente desde o Campus Terra inclúe a oferta de oito bolsas, a razón de dúas por cada titulación, para o alumnado dos graos en Nutrición Humana e Dietética, Bioquímica, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, e Xestión Cultural.
As facultades de Veterinaria e Formación do Profesorado, así como a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, que fan unha xestión directa da concesión destas estadías en empresas asentadas en localizacións rurais, ofrecerán tamén un total de 20 prazas para o estudantado dos seus respectivos títulos de grao. As bolsas do programa Retorna ao Rural co Campus Terra son remuneradas e compatibles con outras axudas ao estudo do Ministerio de Educación e Formación Profesional e da Xunta de Galicia, ao tempo que contemplan un amplo abano de actividades formativas compatibles coas obrigas académicas do alumnado beneficiario. A xornada laboral dos bolseiros e bolseiras será de 25 horas semanais. Unha vez rematada a estadía, o estudantado do Campus Terra beneficiario deberá remitir unha memoria informativa antes de proceder á solicitude do recoñecemento créditos.