Rábade consolida a Festa do Centenario cunha multitudinaria segunda edición

LugoXa | TerraChaXa
A vila revive o ambiente de 1925 nunha xornada marcada pola participación veciñal e unha ampla programación cultural e festiva
Rábade_centenario-2026
31 May 2026

Rábade vive este domingo unha intensa xornada festiva coa celebración da segunda edición da Festa do Centenario, unha cita que está a rexistrar unha notable participación tanto de veciños como de visitantes. O evento nace coa intención de manter vivo o recordo da historia local e de consolidarse como unha celebración anual arredor da identidade da vila.

Despois de conmemorar o pasado ano o centenario da constitución de Rábade como concello independente, entre 1925 e 2025, a organización apostou por dar continuidade á iniciativa cun formato que recrea a atmosfera dos anos vinte do século pasado. Deste xeito, as rúas da localidade convértense nun escenario que traslada aos asistentes ao momento histórico no que a vila acadou a súa independencia administrativa.

A programación arrancou pola mañá cunha misa solemne seguida dunha procesión cívica que percorreu diferentes rúas da localidade. O desfile, acompañado de música, partiu desde o antigo edificio consistorial e reuniu a numerosos participantes.

Un dos momentos centrais da celebración está a ser o xantar popular que se desenvolve no Campo da Feira, punto de encontro para centos de persoas que comparten unha xornada dedicada á memoria colectiva de Rábade.

As actividades continuarán durante a tarde coa apertura do ‘Mercado do 25’, instalado na Praza de España entre as 17.00 e as 21.00 horas. O espazo reunirá postos de artesanía e gastronomía inspirados na época. Ademais, ás 18.30 horas celebrarase a ‘Verbena D’antes’, amenizada polo grupo Oxeito.

A programación completarase pola noite no Campo da Feira. Ás 20.00 horas actuará a Asociación Músico Crisanto e, xa ás 22.00 horas, será a quenda de Axeigo, que presentará ao público o seu traballo discográfico ‘Recuncando’.

A alcaldesa de Rábade, Remedios González, destacou que esta segunda edición pretende “seguir poñendo en valor o orgullo de vila e crear un encontro para que veciños e veciñas compartan unha xornada especial arredor da nosa historia”, reforzando así o carácter identitario dunha celebración que aspira a converterse nun referente anual do municipio.

0.11826109886169