Rábade organiza unha excursión á Ribeira Sacra lucense o vindeiro 21 de xuño

LugoXa | TerraChaXa
A viaxe incluirá unha visita á adega Regina Viarum, onde os asistentes poderán realizar unha cata de viños, así como un paseo en catamarán polo Canón do Sil
ribeira-sacra-canon-do-sil-recurso
14 Jun 2026

O Concello de Rábade abriu o prazo de inscrición para participar nunha excursión á Ribeira Sacra lucense que se celebrará o próximo 21 de xuño dentro do programa municipal Rábade por Galicia. A actividade permitirá ás persoas participantes coñecer algúns dos principais atractivos turísticos e patrimoniais desta comarca.

A viaxe incluirá unha visita á adega Regina Viarum, onde os asistentes poderán realizar unha cata de viños, así como un paseo en catamarán polo Canón do Sil para descubrir unha das paisaxes máis emblemáticas da Ribeira Sacra. O programa completarase cunha visita á cidade de Monforte de Lemos.

O prezo da excursión será de 45 euros por persoa e inclúe as entradas ás actividades previstas, a cata de viños na adega, o paseo en catamarán, a comida, o transporte en autobús de ida e volta e o seguro correspondente.

As inscricións poden formalizarse ata o 16 de xuño na Área de Cultura e Deporte do Concello de Rábade. Desde o goberno local animan á veciñanza a participar nesta iniciativa, que combina natureza, patrimonio, gastronomía e enoturismo nunha das zonas con maior atractivo turístico de Galicia.

0.13109183311462