Rábade quenta motores para a II Concentración Biker’s, que reunirá centos de afeccionados ás motos

LugoXa | TerraChaXa
A cita celebrarase os días 22 e 23 de agosto con rutas por Cospeito e Friol, exhibicións, concertos e actividades abertas ao público
Concentración-Motoclube-rabade-26
4 Aug 2026

A vila de Rábade volverá converterse nun punto de encontro para os amantes das dúas rodas coa celebración da II Concentración Motoclub Rábade Biker’s, unha cita que terá lugar os días 22 e 23 de agosto e que aspira a reunir centos de afeccionados ao mundo do motor chegados de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades.

Organizada polo Motoclub Rábade Biker’s, a concentración ofrecerá durante dúas xornadas un amplo programa de actividades que combinará rutas mototurísticas, exhibicións, música, gastronomía e propostas para toda a familia.

A programación arrancará o sábado pola mañá coa apertura das inscricións e unha ruta con parada no concello de Cospeito, onde os participantes compartirán un pincho antes de regresar a Rábade. Xa pola tarde haberá xogos populares, colchonetas gratuítas para a cativada, unha exhibición de stunt a cargo de Balles e Pichu, unha ruta en homenaxe aos motoristas falecidos, cea de confraternidade e unha festa amenizada polo DJ Koki Gómez.

O domingo continuará a actividade cunha nova ruta, nesta ocasión ata o Castro de Friol, onde tamén haberá unha parada con pinchos. A concentración rematará cunha comida para as persoas inscritas, o sorteo de agasallos e a entrega de trofeos.

A organización habilitará unha zona de acampada cuberta con duchas desde o venres para facilitar a estancia dos participantes. O evento está aberto ao público, aínda que algunhas actividades requiren inscrición previa.

Desde as entidades colaboradoras destacan que a concentración contribúe a dinamizar a actividade económica e turística da comarca, ao tempo que promove a convivencia entre afeccionados ao motociclismo e dá visibilidade aos atractivos de municipios como Rábade, Cospeito e Friol.

0.16706800460815