Raíces do Vento organiza unha ruta polo Camiño Rexio para reivindicar a súa conservación en Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A actividade partirá ás 9.00 horas desde a igrexa de Santa María de Duancos e rematará no Castro de Viladonga, onde os participantes poderán asistir a unha visita guiada
raices-do-vento-camino-rexio
17 Jul 2026

A asociación Raíces do Vento celebrará este sábado 18 de xullo unha andaina polo denominado Camiño Rexio, un percorrido histórico que atravesa o municipio de Castro de Rei e que a entidade considera ameazado por diferentes infraestruturas proxectadas na zona.

A actividade partirá ás 9.00 horas desde a igrexa de Santa María de Duancos e rematará no Castro de Viladonga, onde os participantes poderán asistir a unha visita guiada a cargo do arqueólogo Álvaro Pérez Rozas. O regreso ao punto de inicio realizarase en autobús.

Segundo explica a organización, o itinerario segue o trazado dun antigo camiño histórico sobre o que se realizou un traballo previo coa finalidade de que poida ser recoñecido como itinerario oficial dos Camiños de Santiago baixo a denominación de Vía Rexia. Desde Raíces do Vento advirten de que este percorrido podería verse afectado pola construción da subestación de Ludrio e por un proxecto eólico previsto na contorna dos Lagos de Teixeiro.

A ruta terá unha distancia de 12,74 quilómetros, cunha dificultade moderada e unha duración estimada de entre tres e catro horas, incluídas as paradas previstas ao longo do percorrido. A chegada ao Castro de Viladonga está prevista arredor das 14.00 horas.

A inscrición é obrigatoria e debe formalizarse a través do correo electrónico da asociación (raices do vento@gmail.com). As prazas para o servizo de autobús están limitadas a 56 participantes e serán asignadas por orde de inscrición.

Desde a entidade destacan que a actividade é gratuíta e aberta a toda a cidadanía e animan á participación como forma de coñecer e defender o patrimonio histórico e natural da comarca. Ademais, recomendan acudir con auga, calzado axeitado, roupa cómoda e algo de comida para a xornada.

Raíces do Vento agradeceu tamén a colaboración do Concello de Castro de Rei na organización desta iniciativa, que combina a divulgación do patrimonio coa reivindicación da protección do territorio.

0.122554063797