Rapaces de Aspnais recollen as medallas dos xogos romanos, como previa ao Arde Lucus
Os edís Jorge Bustos, Olga López Racamonde e Mauricio Repetto participaron na entrega de medallas a catorce rapaces e rapazas de Aspnais, que tomaron parte nunha competición interna dos xogos romanos de taboleiro, organizados polo Concello de Lugo, a través das concellerías de Xuventude e Deportes e a de Benestar social.
En días previos, monitores da escola Gravitty desenvolveron xornadas formativas para ensinar a dinámica destes xogos romanos aos usuarios de Aspnais, que despois competiron nun torneo interno, tal e como se leva facendo desde hai uns anos, e que serve ademais como previa á celebración do Arde Lucus.
O obxectivo destas probas é ofertar unha nova actividade lúdica e deportiva para os rapaces e rapazas da Asociación de Pais o Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual, incidindo sempre no carácter educativo, integrador e de ocio dos programas que desenvolve o Concello de Lugo, e neste caso, en colaboración con Aspnais. Jorge Bustos felicitou “tanto aos participantes como a os monitores que fixeron posible a competición e animou a Aspnais a solicitar ao Concello novas edicións en anos posteriores”.