Raquel Arias, elixida nova vicepresidenta do Parlamento de Galicia e toma de posesión de Luis Novo Teijeiro

A deputada do Grupo Popular Raquel Arias foi elixida este martes nova vicepresidenta do Parlamento de Galicia ao obter 39 votos a favor na sesión plenaria celebrada na Cámara autonómica. Arias ocupa así a vacante deixada por Elena Candia na Mesa do Parlamento despois de que esta accedese á Alcaldía de Lugo tras a moción de censura celebrada o pasado 7 de maio.
Segundo destacou o PPdeG, a parlamentaria lucense conta cunha ampla traxectoria política e institucional e acumula dez anos de experiencia no hemiciclo galego, onde xa formara parte anteriormente da Mesa da Cámara como secretaria.
Co seu nomeamento, Raquel Arias pasa a integrar o órgano de goberno do Parlamento xunto ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, a vicepresidenta segunda, Montse Prado, o secretario Julio García Comesaña e a vicesecretaria Patricia Iglesias.
Ao longo da súa carreira política, Arias exerceu tamén como viceportavoz do Grupo Popular e portavoz en diferentes áreas parlamentarias. Ademais, foi delegada territorial da Xunta en Lugo, deputada no Congreso dos Deputados e alcaldesa do Concello de Sober.
A dirixente popular mantivo ademais no pasado unha pugna interna con Elena Candia pola presidencia provincial do PP de Lugo.
Durante a sesión plenaria deste martes tomou tamén posesión da súa acta como novo deputado autonómico José Luis Novo Teijeiro, tenente de alcalde de Rábade, quen substitúe a Elena Candia tras a súa incorporación á Alcaldía da capital lucense.
Novo Teijeiro forma parte actualmente da directiva provincial do PP de Lugo e da Comisión de Pequenos Concellos do PPdeG.