Reaberta ao tráfico en Foz a ponte da estrada de Marzán ao Bispo Santo
Hoxe, venres, reabriuse ao tráfico a ponte da estrada de Marzán ao Bispo Santo, que pasa sobre a Nacional 642 no concello de Foz.
O alcalde focense, Fran Cajoto, anunciou que “no día de hoxe reabriuse ao tráfico a ponte do punto quilométrico 32,300 da Nacional 642 na variante de Foz. Isto implica que volve estar en funcionamento a estrada que nos leva de Marzán ao Bispo Santo, da Deputación de Lugo. Volvemos abrir este vial e polo tanto á normalidade nese lugar despois dese accidente de tráfico que provocara o corte dese paso superior”.
Fran Cajoto agradece “a boa disposición da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e da xefa de Conservación e Mantemento de Carreteras do Estado en Lugo, Beatriz González” e destaca que “xa dispoñemos de todas as estradas de Foz libres nun verán, que aínda que é atípico e hai menos afluencia de visitantes isto permítenos unha liberdade de desprazamentos que necesitábamos”.