Realizan labores de posta a punto no campo de fútbol da Cheda

O Concello de Lugo está a executar os traballos de mellora do campo de fútbol da Cheda co obxectivo de recuperar as condicións óptimas do terreo de xogo, mellorar a seguridade dos deportistas e prolongar a vida útil desta instalación municipal, sometida a un uso intenso ao longo de toda a tempada.
A actuación inclúe a reparación das zonas máis deterioradas do céspede artificial, especialmente nas áreas de maior desgaste situadas diante das porterías; a recolocación e fixación das liñas de marcaxe; a reposición do recheo de caucho necesario para garantir unha superficie máis uniforme; o cepillado integral do terreo de xogo para recuperar as prestacións do céspede e a reparación das xuntas abertas entre os distintos panos, mellorando a estabilidade da superficie.
As obras están previstas para rematar antes de que remate este mes de xullo, de xeito que o campo poida afrontar o inicio da próxima tempada nas mellores condicións para a práctica deportiva.
A alcaldesa de Lugo e o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, e a concelleira María Reigosa ,visitaron a instalación para comprobar a evolución dos traballos. Elena Candia destacou que "o mantemento das instalacións deportivas é unha prioridade porque supón investir na seguridade dos deportistas, no traballo dos clubs e na conservación dun patrimonio municipal que utilizan milleiros de xogadores ao longo do ano".
Este tipo de actuacións permiten manter as instalacións en condicións óptimas de uso, evitar un maior deterioro derivado da intensa actividade deportiva e ofrecer aos clubs espazos axeitados para adestrar e competir.