Rebeca Maseda: “A cultura, a educación e a sanidade, deben ser os piares dun estado de benestar”

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Rebeca Maseda Longarela, violinista de corazón e profesión afincada en Mondoñedo e creadora do festival MindoMúsica, empezou a tocar o violín con 8 anos, así que, cumpre este ano as vodas de prata.
59613247_2374225586156836_8633535162958741504_n
20 sep 2020

Rebeca Maseda Longarela, violinista de corazón e profesión afincada en Mondoñedo e creadora do festival MindoMúsica, empezou a tocar o violín con 8 anos, así que, cumpre este ano as vodas de prata.

De onde vén a súa afición?

Na miña casa, aínda que ninguén se adica profesionalmente á música, sempre se escoitou música. Dende pequeniña teño ido a concertos con meus pais de diferentes estilos. Lembro perfectamente ir sentada nos asientos traseiros do coche coa miña irmá e meu pai levar posto a Miguel Ríos ou Tom Jones.

Por que escolleu o violín?

A verdade é que só me lembro de escoitar un día na radio o son dun violín e deixarme abraiada... A continuación fun onde os meus pais e díxenlles: eu quero tocar iso.

Cal é a súa formación?

Na parte académica empecei a miña formación na Escola Municipal de Música de Mondoñedo e logo no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba con Xan Carballal. Con 17 anos ingresei na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia en Santiago de Compostela donde estudei co mestre Grigori Nedobora. Paralelamente cursei o Grao Superior na especialidade de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo, donde rematei os meus estudos coas máis altas calificacións. Cando finalicei esta etapa quixen ampliar a miña formación estudando 2 anos no Conservatorio de Utrecht (Países Baixos) con Elisabeth Perry e o Utrecht String Quartet donde obtiven o Bachelor of Music with Honours, e despois fixen un Máster en Interpretación no Conservatorio della Svizzera Italiana en Lugano (Suiza), outros 2 anos onde estudei con importates mestres coma Klaidi Sahatci e Saiko Sasaki. Ademais da miña formación académica, tiveron unha gran influencia sobre min os consellos de grandes artistas como Cibrán Sierra, Thorleif Thedéen, Benedicte Palko, Kuss Quartet, Quartetto di Cremona, Latica Honda-Rosenberg ou David Grimal. Así mesmo, ter sido membro dun cuarteto de corda estable e de diferentes orquestras xuvenís, como a Orquesta Joven de la Sinfónica de Galicia ou a Joven Orquesta Nacional de España (Jonde), foron experiencias moi enriquecedoras na miña formación.

Agora qué está a facer, proxectos, orquestras...?

Actualmente son violinista freelance, colaboro con orquestras como a Sinfónica de Galicia, Real Filharmonía de Galicia, Spira Mirabilis, etc., e tamén co ensemble de música contemporánea Sonido Extremo. Así mesmo encántame desfrutar doutros estilos musicais, de feito colaboro co grupo musical DOA (música popular, medieval e moderna) e co cantautor César Morán. A docencia tamén forma parte da miña vida profesional aínda que por agora en menor medida.

Cómo se ve nun futuro?

Sempre co meu violín, sexa na orquestra, en diferentes ensembles ou en formacións de música de cámara, a miña paixón. A docencia paréceme fascinante e gustaríame poder adicarlle máis tempo e seguir medrando e aprendendo no ámbito da pedagoxía. E por suposto, vendo crecer ao meu “bebé”, o festival MindoMúsica.

Qué pensa do futuro da música clásica?

Quero pensar que sempre haberá persoas que necesiten e valoren a música en xeral. A etiqueta de “clásica” non se axusta ao panorama actual e ademais limita ese “estilo” creando certos prexuízos e estereotipos. Penso que cada un de nós, e por suposto tamén as diferentes institucións, dende organismos educativos a gubernamentais, temos o dereito e a responsabilidade de coidar o patrimonio musical como calquera outro tipo de patrimonio: arquitectónico, pictórico, etc. A música debe formar parte esencial do sistema educativo e ademais está demostrado que pode ser un elemento moi forte de transformación social. Non podo concebir un mundo sen música, sexa Bach ou os Beatles.

Ten algún artista de referencia e  algunha peza favorita?

Respecto a algún artista, teño tantos que é moi difícil escoller, pero darei algúns nomes que por diversos motivos son especialmente importantes para min: o Cuarteto Belcea, o violoncellista Asier Polo e a cantante Astrud Gilberto. Adoro a bossa nova.

Respecto á peza favorita, resultame imposible escoller unha. Só direi que sinto especial debilidade pola música francesa do chamado impresionismo como de Ravel, Debussy, etc. Tocando lembro moitos concertos especiais, pero véñenseme á cabeza dous en concreto: o concerto inaugural da primeira edición de MindoMúsica o ano pasado na Catedral de Mondoñedo co Langsamer Satz de A.Webern e unha Quinta de D.Shostakovich coa Sinfónica de Galicia e A.Litton no Festival Musika-Música de Bilbao hai uns aniños.

A música ten suficiente apoio das administracións?

Dependerá do proxecto pero aínda así penso que non, hai máis boas intencións que compromiso real. Creo firmemente que a cultura, xunto coa educación e a sanidade, deben ser os piares fundamentais para construír un estado forte de benestar social.

0.22200798988342